Nyanndrea, un mundo noutra parte

A viguesa Andrea Costa é tamén Nyanndrea, unha artista e ilustradora galega. O seu universo mestura humor, vulnerabilidade e estética underground a través de personaxes recorrentes, frases emocionais e imaxinarios influenciados pola música, Internet e a cultura DIY.

O seu concepto visual combina elementos doces e incómodos ao mesmo tempo, creando así ilustracións con identidade propia que conectan especialmente co público novo nas redes sociais. Ratiñas e gatas rebeldes e presumidas, flores vestidas de domingo, natureza e estilo urbano mestúranse para convivir en láminas, camisetas e bufandas cos deseños máis desenfadados, coloristas e modernos. Nas súas ilustracións, os personaxes asaltan as rúas, abrazan o horóscopo, namóranse e rabuñan; unha obra plástica que propón un mundo parecido ao o noso pero, por sorte, moito mellor.

Ademais do seu traballo artístico persoal, Andrea tamén realiza deseños para proxectos musicais, merchandising e colaboracións dentro da escena underground internacional. A súa obra expándese entre ilustración, cómic, fanzine, deseño téxtil e experimentación visual, mantendo sempre unha linguaxe moi persoal e recoñecible e chea de mensaxes feministas. Na súa conta de Instagram @nyanndrea poderás botar un ollo ás súas creacións e elixir a que máis che guste para levala contigo ou colgala no salón da casa.