Novidades musicais viguesas para rematar o ano: Iván Ferreiro, Marta Vidal, Noar ou Vimbio

Remata o 2025, un ano que nos trouxo moita e moi boa música de artistas locais. Esta última entrega do ano trae desde artistas consolidados a proxectos emerxentes de estilos moi variados.

Vimbio | Uxoa

Primeiro tema do novo proxecto de Noar, desta vez en formato de cuarteto con Rubén Fernández á voz, Iago Marta á guitarra, Yudit Almeida ao contrabaixo e Zalo Rodríguez ao sintetizador.

Rebeliom do Inframundo afronta 2026 cunha forza incontestable… e presentado xa o primeiro adianto do seu novo traballo. ‘Sube’ é é un berro colectivo: a canalización en rima dun malestar social crecente. A peza articula unha crítica directa ás desigualdades e convértese nun exercicio de expresión lírica dun sector profundamente descontento e afogado por un capitalismo cada vez máis feroz. Un contexto que, lonxe de aliviar tensións, alimenta o avance dunha ultradereita conservadora cada vez máis presente no panorama actual.

A finais de novembro vía a luz Fairgorund Ballads, o primeiro disco en solitario de Miguel Moldes, músico orixinario de Sanxenxo que reside en Vigo. Un traballo breve pero cheo de grandes cancións que oscilan entre o folk norteamericano, o gypsy jazz e o R&B.

Tras a publicación de ‘supertramp 2009’, primeira mostra do universo sonoro do álbum, a cantante e compositora viguesa Marta Vidal continúa desvelando as pezas dun proxecto que combina sensibilidade emocional, sofisticación estética e un claro pulso bailable. ‘extraordinaria’ é unha canción de pop alternativo que bebe do dance pop e do funk pop, escrita e composta pola propia Marta e producida por Sergio M. Puga. O tema mestura beats filtrados de aire DJ con percusión latina inspirada en patróns de merengue, creando unha atmosfera vibrante, cálida e luminosa.

Pasaron 20 anos dende que Iván Ferreiro inaugurou a súa etapa en solitario con esta canción, hoxe un himno pop deste país. Por iso, agora que recupera os clásicos do seu repertorio, volveron gravar este tema cun son actualizado e coa vontade de levalo de novo ao máis alto.

Tema en solitario de Nillo Nández (Pacífico, Antifrágil…) cargado de intimidade e emoción.

A banda viguesa The Bandits, encabezada polo guitarrista Indy Tumbita, acompaña a artista Diana Rubia nesta nova aventura musical de aroma vintage.

Baixo o nome de ‘Seres de luz’, a banda galega Vimbio publica novo sinxelo do que será o seu primeiro disco de longa duración, pechando así un ano 2025 no que se viviu o despegue do proxecto. O tema critica como algunha xente é capaz de escudar na corrección política para atacar a alguén por motivos persoais, agochando comportamentos hipócritas e pouco consecuentes.

Broken Peach regresa coa súa tradicional panxoliña de Nadal, mais este ano a novidade é que se trata dun tema de creación propia.

Sinxelo de presentación do discómic Zadym, quinto álbum da banda viguesa. Sorprende o cambio do inglés ao galego, mantendo intacta a enerxía característica do cuarteto.

Segundo adianto do novo disco de Olivier Martin, o primeiro tras un longo parón.

Dani Dicostas presenta ‘Estadios’, último adianto do seu terceiro longa duración, que verá a luz o 30 de xaneiro de 2026. Retrata a incrible sensación da fase 0 de calquera relación: coñecer a alguén pero non coñecelo ao mesmo tempo e estar disposta a dar todo por esa persoa. ‘Estadios’ é a canción máis coral do seu novo álbum, con arranxos de cordas e ventos e ritmos disco.

Roxana Mouriño móstranos a través das súas cancións unha traxectoria persoal que transmite dun xeito moi especial a confluencia de estilos e estéticas da súa ampla personalidade artística. Con este ‘Raíces’, conéctanos cos espazos sonoros e xeográficos da súa biografía, levándonos directamente á Raíz, unha raíz que nace do mar.

A mediados de novembro Carla Lourdes publicou un EP de tres temas gravados en directo durante a súa actuación no último festival PortAmérica.

Teaser do novo disco de Frans Banfield, gravado hai cinco anos. Un conxunto de seis temas de estilos moi diversos.

REVISTA NADAL
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.