Dez podcasts vigueses para saber que acontece na cidade (e moito máis)
O podcast, especialmente despois da auxe dos últimos anos, xa non é o formato novidoso que foi no comezo. Desde hai uns anos, en Vigo xurdiron moitas iniciativas deste tipo, tanto só de audio como tamén en vídeo. Algunhas quedaron polo camiño (Histérikas Histórikas, Vivindo do Conto, Avigo Mío, Cinema Caníbal, Somos Acubillo…), mais outras continúan en activo publicando diaria ou semanalmente. Recollemos algúns dos podcasts máis salientables, que versan sobre persoeiros da cidade, deporte, cultura, humor, música ou cine. Preme no título de cada un para escoitalo.

Podcast semanal en lingua portuguesa que se grava no Instituo Camões de Vigo e que coordina e presenta Hugo Milhanas Machado. Ao longo de, polo de agora, 21 programas repasan distintos temas e eventos culturais relacionados co idioma do país veciño.
Naceu en 2018 da man dos xornalistas vigueses Rafa Valero e Guada Guerra, e nel tratan diariamente temas do máis variados: Celta, deporte, cultura e ocio, sempre desde unha perspectiva local. Contan con numerosos colaboradores entre os que se atopan Ledicia Costas, Pedro Feijoo, Luis García, Antonio García Teijeiro, María Oruña, Javier Maté, Gonzo, Eduardo Rolland, Estela Gómez ou Rubén Domínguez.
Este podcast iniciou a súa andadura a finais de 2023 desde o sillón da barbería Shave de Sailor, situada na rúa Eduardo Iglesias. Alí Érika Vera entrevista a todo tipo de persoeiros vigueses para coñecer a fondo os seus proxectos vitais e profesionais.
É un espazo conducido por Juan Pablo Sangiao no que entrevista en profundidade a diferentes persoeiros de Vigo de ámbitos como a cultura, o deporte, o xornalismo, a hostelería… mesmo ao alcalde Abel Caballero. Desde hai uns meses iniciou, xunto con Carlos Tresandí, un novo formato chamado La Ratonera.
Podcast (ou como eles o definen, “falangullo”) quincenal feito desde Coia desde 2021 que popularizou o lema #CoiaIsNotVigo. Priorizan as entrevistas “a persoas que teñen vidas inspiradoras”, pero tamén proban con outros formatos: podcasts narrativos nos que rescatan historias, faladoiros ao vivo…
Espazo radiofónico elaborado desde novembro de 2024 pola xornalista e xefa do Gabinete de Prensa da UVigo, María del Carmen Echevarría Figueroa. Ofrece información do que pasa nos centros, servizos e unidades da Universidade de Vigo e dos temas de actualidade a través da voz do estudantado, do persoal docente e investigador e do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos.
Programa de humor conducido e creado hai catro anos por Sara Abuín e Carla Mañas. Neste espazo abordan, desde o seu particular punto de vista, todo tipo de temas: tristeza, esoterismo, sexo, mentira, as emocións, o Eras Tour…
TENÍAS QUE HABER TIRADO (TQHT)
Podcast especializado no Celta conducido por Marcos Piedras e Lucas Peteiro que alcanzou unha grande notoriedade nos últimos anos, chegando aos case 13.000 seguidores en X e pasando os 17.000 en Instagram.
Vídeo podcast conducido por Andrés “Pelis” e Jorge “Chelelo” que desde hai dous anos falan de cine en todas as súas formas posibles, “desde as grandes producións ata as xoias ocultas do cinema independente, clásicos de culto e as películas de terror máis aterradoras”. Aquí atoparás contido variado que inclúe recensións de películas e series, de revistas de cinema, coleccións e obxectos de colección relacionados co cinema, unboxings de películas e replicas vistas en películas. Contan con máis de 1300 seguidores en YouTube.
Este podcast fai un percorrido pola historia da música galega e lusófona e pretende crear unha plataforma web onde o idioma e a cultura de Galicia sexan o eixe para a presentación da música galega e lusófona nas súas variadas vertentes.


