Nós Mesmas suspende a Festa DiversXs do Orgullo en Vigo e volve sinalar a falta de apoio institucional
A asociación viguesa Nós Mesmas anunciou nun comunicado que non celebrará, como viña facendo no pasado, a Festa DiversXs tras a manifestación do Orgullo do 27 de xuño, debido ás dificultades económicas, organizativas e ao desgaste do voluntariado.

A asociación Nós Mesmas non organizará este ano a Festa DiversXs, a celebración que tradicionalmente se desenvolve despois da manifestación do Orgullo en Vigo. A entidade confirmou a decisión nun comunicado no que atribúe a suspensión á crecente dificultade para organizar eventos no espazo público, á súa situación económica e ao desgaste acumulado tras anos de traballo voluntario.
A manifestación do Orgullo, prevista para o vindeiro 27 de xuño, manterase, pero non haberá a habitual programación festiva posterior. No comunicado, a asociación lembra que leva organizando actividades arredor do Orgullo desde 2009 e destaca a evolución dunha iniciativa “que comezou sendo unha pequena concentración e que se converteu, co paso dos anos, nunha manifestación multitudinaria e nunha festa referente para a comunidade LGTBIQ+ da cidade“, sinala.

A entidade explica que a organización da Festa DiversXs foi facéndose cada vez máis complexa debido ao incremento das esixencias administrativas e económicas. Segundo detalla, “a burocracia, os requisitos administrativos, os seguros, permisos, infraestruturas, servizos obrigatorios e os custos asociados fan que organizar unha celebración destas características sexa cada vez máis complexo e esixente, especialmente para unha asociación pequena e sostida fundamentalmente por voluntariado“.
Entre os obstáculos, Nós Mesmas apunta directamente aos requisitos esixidos pola administración local. A organización destaca que a celebración implica asumir previamente gastos derivados de “seguros, baños” e outros servizos necesarios para o desenvolvemento da xornada, custos que a asociación adiantou durante anos con fondos propios. A situación agravouse este ano pola falta de recursos económicos. Nós Mesmas asegura que a súa situación financeira se viu afectada pola ausencia dunha subvención coa que contaban para sufragar servizos gratuítos ofrecidos desde comezos de ano.

Unha reivindicación recorrente
A denuncia da falta de apoio institucional non é nova. Xa en 2024, as entidades organizadoras do Orgullo Crítico de Vigo reclamaran unha maior implicación do Concello na organización dos actos. Daquela advertían de que levaban máis dunha década solicitando un compromiso máis decidido por parte da administración local e denunciaban que boa parte do peso económico e organizativo recaía sobre o movemento asociativo.
As organizadoras chegaron incluso a retirar o logotipo do Concello da cartelería do evento como forma de protesta pola escasa colaboración institucional. Naquel momento tamén alertaban do desequilibrio entre o custo real da organización do Orgullo e as axudas públicas recibidas.
Dous anos despois, o discurso mantense practicamente intacto. No comunicado difundido esta semana, Nós Mesmas asegura que continuará defendendo os dereitos do colectivo “fronte aos discursos de odio, a precariedade e a falta de apoio institucional”, unha referencia que evidencia a persistencia das súas críticas cara ás administracións públicas e, en particular, cara ao Concello de Vigo.

O Orgullo continúa
A asociación quixo deixar claro que a suspensión da Festa DiversXs non supón a cancelación do Orgullo. “O Orgullo continúa. Seguiremos saíndo á rúa, manifestándonos e defendendo os nosos dereitos”, afirman. A entidade recoñece que a decisión foi especialmente difícil porque o evento representa “moito máis ca unha festa. É memoria, visibilidade, reivindicación, encontro e comunidade”, sostén o comunicado.
A pesar do parón, a organización confía en recuperar no futuro un evento que considera xa parte da historia recente do movemento LGTBIQ+ vigués. “Estamos seguras de que este será só un parón puntual, un paso atrás para coller pulo”, conclúe o comunicado.




