Nigranjazz, Trueno e festas de Cabral e Bouzas esta fin de semana en Vigo

O jazz volve a Nigrán, continúan os concertos de Castrelos con Trueno e temos festas en Bouzas e Cabral. Preme no título de cada evento para máis información. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana na cidade, entra na axenda d’A Movida.

FESTIVAL NIGRANJAZZ – Xoves a sábado en Pénjamo e o Esteiro da Foz – De balde

XORNADA XUNTA

O Concello de Nigrán celebra unha nova entrega do seu festival máis lonxevo coa décima novena edición. Catro concertos, tres jam sessions e unha masterclass compoñen o cartel do evento. Aaron Parks, a gran aposta internacional deste ano.

FESTAS DE BOUZAS – Xoves a martes en Bouzas – De balde

Música, animación infantil, procesións, gastronomía e espectáculos para todos os públicos enchen as rúas e prazas durante cinco días intensos de celebración. Un dos atractivos que si se mantén é a tirada de fogos de artificio o domingo 20 ás 23:00 h e o concerto do Combo Dominicano para pechar a festa o martes.

FEIRA DO LIBRO ANTIGO E DE OCASIÓN – Venres 18 de xullo a domingo 3 de agosto na Praza de Compostela – De balde

Durante máis de dúas semanas, trece librarías procedentes de diferentes puntos do Estado ocuparán noventa e un metros de exposición e venda, ofrecendo unha coidada selección de volumes antigos, raros, curiosos, descatalogados ou difíciles de atopar.

VIII INTERPLANETARIO – Venres a domingo no Mar de Vigo

O evento consiste en tres días de actividades relacionadas co universo INFINITY. O punto forte é unha competición internacional entre xogadores dunha longa lista de países. É un espazo para todas as idades onde se pode compartir a paixón polas miniaturas , participar en torneos internacionais de videoxogos, practicar fast painting, ou participar nun concurso de pintura. Tamén hai charlas e mesas redondas.

FESTAS DE CABRAL E CARREIRAS DE CARROS DE BÓLAS – Venres a domingo no torreiro de Cabral – De balde

O sábado a a partir das 16:00 h, na Rúa Becerreira de Cabral, terá lugar a XVII edición da peculiar carreira de carros. Trátase dun descenso en artefactos fabricados de maneira artesanal, onde as habilidades de construción e condución destes vehículos non motorizados son factores cruciais.  Calquera pode participar.

RECITAL DE SAMUEL L. PARÍS – Venres ás 20:00 h na asociación Évame Oroza – De balde

Recital dentro do ciclo Máis Alto que o Ceo, que reúne a algunhas das voces máis significativas e singulares da poesía galega. Samuel L. París, trae O tenro é o salvaxe, unha proposta vencellada ao seu poemario homónimo que cuestiona desde o social ao persoal nunha proposta chea de lirismo, ironía e humor.

CONCERTO DE SALTY PEPPER – Venres ás 21:00 h en Villa Solita – De balde

Concerto dentro do ciclo Curiosidades Solita, que se desenvolve todos os venres de xullo e agosto Villa Solita, un palacete indiano reconvertíndoo nun espazo de encontro de actividades culturais e artísticas. O músico vigués Salty Pepper leva ao público de viaxe polos clásicos desde a década dos setenta ata a actualidade.

CONCERTO DE TRUENO – Venres ás 22:00 h no auditorio de Castrelos – De balde

Trueno, cuxo nome real é Mateo Palacios Corazzina, é un rapeiro e compositor arxentino. Na súa música fusiona rap, trap e música urbana, e gañou recoñecemento na escena do freestyle e rap a nivel internacional. O concerto pode verse de balde desde as gradas.

CONCERTO DE HOT AIR BALLOON – Sábado ás 20:00 h na Fundación Sales – 10,00 €

Último concerto do ciclo musical de verán no xardín botánico de Vigo. Hot Air Balloon é un dúo luso-irlandés formado por Tiago e Sarah-Jane.O seu álbum debut, Behind The Walls (2016), foi aclamado pola crítica e nomeado aos Premios de Música Independente en Nova York.

CONCERTO DE ANTIFRÁGIL – Domingo ás 12:00 na entrada do pazo de Castrelos – De balde

Ciclo de concertos para conmemorar o centernario da cesión do Pazo de Castrelos ao Concello de Vigo. Antifrágil é unha banda viguesa de rock alternativo, con letras en español e influencias noventeiras do grunge, britpop, post-rock e psicodelia.