CAMELIAS

Newt Crafts, artesanía arraigada

Newt Crafts é un proxecto artesanal, colaborativo e pluridisciplinar no que os principais protagonistas son a ilustración a serigrafía e o téxtil en diferentes soportes. Davida debuxa, pinta, cose e serigrafía, e Iria debuxa, pinta e leva as redes sociais e case todo o que teña que ver coa informática.

Newt Crafts botou a andar hai sete anos como unha marca de mobiliario personalizado mediante serigrafía. Da serigrafía en madeira pasouse á serigrafía téxtil e da serigrafía téxtil pasouse á reciclaxe de tecidos e ao corte e á confección téxtil para lle dar saída aos restos que ían quedando no taller. Todos os tecidos que se empregan son reciclados, e moito deste material procede de doazóns; a partir de catro quilos de roupa, ofrécese un desconto do 10 % para gastar en artigos da marca. No taller recupéranse pezas de roupa vella para lles dar unha nova vida en forma de estoxos, mochilas ou neceseres; pezas exclusivas de calidade.

Son coñecidos os alzados cos que Newt busca reivindicar o patrimonio industrial da nosa cidade. Iso levounos a se integrar na plataforma «Beiramar da xente», para a que se encargan da parte gráfica e botan unha man en temas de documentación. O interese por recuperar a historia local vese reflectido en obras como Tranvías Eléctricos de Vigo, un traballo do que os autores se senten orgullosos despois de varios anos de investigación, que acabaron compilando nun volume autoeditado e encadernado á man, manténdose fieis á artesanía con raíces na terra.

Martín Echegaray, 19, local 1| @newtcrafts | newtcrafts.com

VEGANA
The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)