CASAACUNHA

‘Narracións Imprevistas. Literatura Repentina’, con Jorge de Arcos e Santi Prego na Sala Ártika

[ACTUALIZACIÓN: Tras o éxito no pase de decembro a obra Narracións imprevistas. Literatura Repentina volve a sala Ártika este venres 20 de xaneiro. Aquí os detalles e as entradas para a función]

«Intentamos parar o mundo coas nosas historias improvisadas; ás veces, dámos no certo, e hai un momento altamente poético, pero case é máis divertido cando nos esnaframos no fracaso». Os actores Jorge de Arcos e Santi Prego resumen así as liñas mestras da primeira colaboración escénica que conforman a dúo: Narracións Imprevistas. Literatura Repentina, un espectáculo para todos os públicos co que regresan, a primeiros do mes natalicio, á Sala Ártika.

Ao longo dunha hora, De Arcos e Prego constrúen en vivo e en directo un show de seu, mais coa inestimable colaboración do público, xerando así, a través de improvisacións e da tradición oral propia de contacontos, situacións espontáneas e cómicas. De seguro que estes dous titáns da interpretación fan as delicias de todos aqueles que se acheguen á sala da avenida da Beiramar; un dos espazos de resistencia cultural que temos na cidade e que, grazas ao bo facer e á sensibilidade dos rexentes, ofrece unha programación variada e chea de calidade. Unha obra recomendable.

Banner A Movidiña

Data e hora: venres 2 de decembro, ás 20:00 h

Lugar: Sala Ártika

Entradas: 14,00 € (billeteira) / 10,00 € + gastos de xestión (venda en liña)

The following two tabs change content below.

Ernesto Is

É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.