Narco, Fillas de Cassandra, 9Louro e Dakidarría incorpóranse ao cartel do Revenidas
O festival de Vilaxoan desvela o terceiro avance do cartel que pechará o verán do 10 ao 13 de setembro en Vilaxoán. Os abonos están á venda na web do festival desde 66 euros.

O festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán do 10 ao 13 de setembro de 2026, incorpora dez novas bandas ao seu cartel, cunha destacada presenza de propostas galegas. Neste novo avance, o Revenidas anuncia a presenza de Fillas de Cassandra, que presentarán en Vilaxoán o vibrante directo de presentación de Tertúlia, así como a da figura emerxente máis importante da nova escena galega, o muradán 9Louro.
Tres estilos moi diferentes pero perfectamente harmonizables representan De Ninghures, co seu tradi contemporaneizado, Queen Rendi, coas súas achegas ao dancehall e ao urbano, e Dakidarría, co seu rock mestizo sempre combativo.

Dende terras levantinas chegan Malifeta, a nova banda formada por Arnau (ex Zoo) e Mireia (ex Pupil·les), e tamén de alí proveñen Sons of Aguirre & Scila, unha proposta que combina o metal co rap alternativo. Dende a Barcelona máis underground procede Matah, a que fora durante unha década vocalista de La Kinky Beat. E dende Sevilla chegan os históricos Narco, que este ano están a celebrar o seu 30 aniversario cunha serie de concertos especiais.
A presenza internacional neste terceiro avance do cartel do Revenidas é a de Bob Vylan, un dúo londinense que só con batería e voz é capaz de combinar a enerxía crua do punk rock coas rimas afiadas do hip-hop.
Estes once artistas e grupos veñen a sumarse aos xa anunciados con anterioridade: The Rapants, El Drogas, La Gossa Sorda, Evaristo, Rebeliom do Inframundo, Kumbia Queers, Ilan Amores, Arrhythmia, Süne, Nadie González, Sara Hebe e The Salsa Punk Orkestra. Os abonos para Revenidas 2026 están á venda na páxina web www.revenidas.com a un prezo de 66€ (+gastos de xestión). As persoas que merquen o abono tamén poderán reservar na web o acceso á acampada por un importe de 15 euros.

