Plans de Nadal para a cativada

Museos, centros culturais, salas de teatro e espazos comerciais de Vigo despregan durante o Nadal unha ampla programación infantil e familiar, con obradoiros creativos, contacontos, espectáculos e propostas de xogo, moitas delas de balde. Preme no título de cada actividade para máis información. Máis eventos na axenda de Nadal da Movida.

ESPAZO DE XOGO E OBRADOIROS – MARCO – Ata o 31 de decembro – De balde

Todas as tarde e fines de semana atopamos no museo Argallar, un espazo de xogo libre que inclúe unha serie de módulos de construción concibidos como unidades de xogo. Do 20 ao 31 de decembro de 11:00 a 13:30h desenvolven un programa especial de obradoiros que teñen como obxectivo afondar na arquitectura e a paisaxe urbana, para nenos a partir de 5 anos.

OBRADOIROS DE ROBÓTICA – Sede Afundación – 23 e 30 de decembro de 11:00 a 13:00 h Desde 5,50 €

As artes e a robótica daranse cita para pasar unha xornada chea de cor e maxia. Os obradoiros teñen un aforo de 15 persoas e está indicado para nenos de 4 a 10 anos.

OBRADOIROS E CONTACONTOS – Edificio Cambón – De balde con inscrición

O centro de visitantes das Illas Atlánticas organiza sete actividades para nenos de diferentes idades entre o 20 de decembro e o 5 de xaneiro: obradoiro de adornos, de doces mariños, escape room ou científico por un día son algunhas das propostas.

TALLERES E VISITAS MÁXICAS – Centro Comercial Camelias – De balde

Unha ampla axenda de Nadal chea de propostas culturais, solidarias e familiares que se desenvolverán entre o 5 de decembro e o 5 de xaneiro. O centro comercial organiza talleres de manualidades de Nadal todas as semanas e recibirá as visitas de Papá Noel, Rei Baltasar e Mickey Mouse.

OBRADOIROS E ESPECTÁCULOS – A Laxe – De balde

O Centro Comercial A Laxe organiza case todos os días das vacacións actividades para desfrute das familias, así como visitas de Papá Noel, Mamá Noel, elfos e os Reis Magos.

NADAL EN BOUZAS – Alameda de Bouzas – De balde

Bouzas celebra por primeira vez o seu propio Nadal cun mercado navideño como gran atractivo e actividades familiares todas as fines de semana.

PEQUEÁRTIKO – Sala Ártika – 9,00 €

Un ano máis, a Sala Átika pensa nos pequenos da casa este Nadal organizando toda unha maratón teatral con funcións todos os días do 22 ao 31 de decembro, agás o 25. Nove pezas galegas e doutros puntos da península pensadas para facer rir e pensar ao público familiar.

VIGOLANDIA – Do 26 ao 30 de decembro – IFEVI – 8,00 €

 500 metros cadrados de diversión. Ademais dos numerosos inchables haberá unha piña rotativa Bob Esponxa con tobogán, unha ponte tibetana, unha tirolina,  láser tag batallas, un tren, canchas deportivas, circuíto correcorre, circuíto de educación viaria, animacións musicais, xogos de mesa educativos, maquillaxe facial, animación con personaxes infantís, obradoiros de minichefs, mesas de billar e tenis de mesa.

CIRCO DE NADAL: VIAXE A POLARIS – Avenida de Castelao – Desde 9,60 €

Circo de Nadal combina números clásicos de circo con elementos teatrais, música en directo e unha posta en escena de gran formato. O espectáculo deste ano está centrada na busca da luz e na recuperación da esperanza e busca conectar co público a través da fantasía e dos valores tradicionais do Nadal.

Actividades para nenos e nenas de entre 5 e 12 anos no Pazo de Castrelos os días 23 e 30 de decembro e 2 de xaneiro, así como na Pinacoteca os días 22, 24, 26, 29 e 31 de decembro e o 7 de xaneiro. Son obradoiros e propostas didácticas con temáticas relacionadas coas exposicións en curso, pensadas para resultar educativas e entretidas ao mesmo tempo. 

Dirixidas a nenas e nenos de 3 a 12 anos, os campamentos desenvolveranse nas Oficinas municipais de distrito de Teis, Bouzas e Saiáns durante as vacacións escolares de Nadal, en horario de 9:30 a 13:30 horas desde o sábado, 20 de decembro, ata o luns 29 de decembro. Non é necesaria inscrición previa e as familias poderán deixar aos nenos todo o tempo ou soamente durante o tramo horario que precisen.

REVISTA NADAL