Nacen os primeiros Premios da Industria Musical de Galicia
A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) organiza a primeira edición dos galardóns, que buscan visibilizar e poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade no sector musical galego, cun total de 17 categorías premiadas. A Sala Capitol de Santiago de Compostela acollerá o 27 de novembro a gala de entrega de premios.

Os primeiros Premios da Industria Musical de Galicia son xa unha realidade da man da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM). Artista do ano, deseño de iluminación, sustentabilidade, excelencia na experiencia do público e ata un total de 17 categorías serán recoñecidas nesta primeira –e pioneira– edición dos galardóns, que buscan visibilizar traxectorias e proxectos comprometidos do sector musical galego e cuxa posta de largo terá lugar nunha gala sectorial, o xoves 27 de novembro, na Sala Capitol de Santiago de Compostela.
Esta primeira edición dos premios pretende visibilizar e poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas no eido musical que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade. En palabras da presidenta de AGEM, Patricia Hermida, “a música galega vive un momento de madurez e diversidade extraordinarias. Os I Premios da Industria Musical de Galicia nacen para celebralo, para agradecer o talento e o compromiso de quen fai posible o seu crecemento, e para recoñecer o valor das persoas e proxectos que converten a nosa industria nun verdadeiro motor cultural e humano para Galicia”.
Un xurado independente formado por profesionais expertos en xornalismo musical, divulgación, produción, creación artística, sustentabilidade e emprendemento cultural será o encargado de propoñer e outorgar os premios nas diferentes categorías. A súa misión será destacar aquelas persoas, empresas e proxectos que contribúen ao avance colectivo do sector e que representan boas prácticas dentro da industria musical galega. Moi pronto daranse a coñecer as persoas integrantes do xurado nesta primeira edición dos premios.
Os I Premios da Industria Musical de Galicia impulsados por AGEM premiarán un total de 17 categorías. Delas, 14 serán outorgadas polo xurado profesional: deseño de iluminación, implementación de son, provedor de servizos, profesional de produción, manager, produción discográfica, posta en escena, promotor/a-programador/a, proxecto de comunicación, identidade visual, videoclip, evento cultural/musical, espazo musical e proxecto de sustentabilidade. Ademais, a Xunta Directiva de AGEM seleccionará outras dúas categorías: artista do ano e persoa do ano. Finalmente, haberá un premio por votación popular: o da excelencia na experiencia do público. As votacións abriranse nas vindeiras semanas a través das redes sociais e da web de AGEM.

