Nace un novo festival en Vigo: o Galicia Fest aposta polo indie pop nacional
Este xoves anunciouse a meirande parte do cartel do Galicia Fest, un novo festival musical que se celebrará no Peirao de Transatlánticos os días 29 e 30 de agosto. Este novo evento está centrado no indie pop nacional e, a falta de coñecer os dous cabezas de cartel, destacan os artistas Beret, Leire Martínez ou Dorian.

Malia ser a cidade máis grande de Galica, os festivais, especialmente os de verán, non acaban de asentarse en Vigo. Este xoves 29 de maio coñeceuse unha nova proposta neste sentido, o Galicia Fest, que se celebrará no Peirao de Transatlánticos os días 29 e 30 de agosto. Promovido pola Xunta de Galicia (a través dos Concertos do Xacobeo), e a Deputación de Pontevedra, aseguran que este evento nace con vontade de permanecer no tempo e de consolidarse como un referente do indie pop no sur de Galicia.
Como dicimos, esta primeira edición nace cunha liña estilística moi definida: indie pop e pequenas trazas de rock, todo con selo estatal. Outro dos puntos fortes, segundo a organización, é a situación do festival, con vistas ao mar e no centro da cidade, nun recinto con 6000 persoas de capacidade e con dous escenarios. A falta de coñecer os dous cabezas de cartel, que desvelarán máis adiante, o programa está formado por Leire Martínez (na súa primeira xira en solitario tras a súa etapa en La Oreja de Van Gogh), Sexy Zebras, La Habitación Roja, Dorian, Fredi Leis, Maldita Nerea, Beret (única data en Galicia en 2025), ademais de Marlon, Éxtasis, Samuraï, Hey Kid, Noan e Paula Koops.

As entradas para esta primeira edición do Galicia Fest poranse á venda o venres 30 de maio a partir das 12:00 h, a través da web oficial do festival. O prezo de saída será de 45 euros.
O Peirao de Transatlánticos, fogar de festivais efémeros
Este non é, nin moito menos, o primeiro festival que se celebra no porto de Vigo. Centrándonos só neste século, nos anos 2010 e 2011 celebráronse dúas edicións do Vigo Tranforma, un festival de indie máis enfocado á música internacional, que contou con artistas como Jeff Tweedy (Wilco), Moby, Yann Tiersen, The XX, The Divine Comedy, Os Mutantes ou dEUS. Unha década despois, en 2022, celebrouse o Latitudes, de orientación máis roqueira: Iggy Pop, Two Door Cinema Club, The Vaccines e Mando Diao. Ese mesmo ano celebrouse o Festival de Música Urbana, coas actuacións de Fernandocosta, Quevedo, Sila Lua ou Califato 3/4. Tamén actuou C. Tangana nun concerto individual, sen formar parte de ningún festival. Tampouco podemos esquecernos das actuacións musicais do Marisquiño, cando se celebraba nesta zona da cidade. Ningún destes eventos (agás O Marisquiño, que se trasladou a Samil) tivo maior continuidade, algo sorprendente sendo Vigo unha cidade populosa, con notable turismo en verán e cunha gran tradición musical.
