Nace o Yalah Festival, un evento poético e musical benéfico a favor de Palestina

A cidade de Vigo acollerá o vindeiro mes de decembro o Yalah Festival, un encontro cultural e musical que nace coa vontade de reivindicar a solidariedade co pobo palestino a través da palabra e da música. O festival desenvolverase en varias xornadas e reunirá poetas, artistas e grupos de diferentes estilos que teñen en común o compromiso coa causa.

Iria Medraño e Nervo | Fotos: Cedida e P. Vázquez

A idea do Yalah Festival naceu nunha sobremesa nun furancho na que estaban o músico Nervo, a poeta Iria Medraño e o deseñador gráfico Milu Torrado. A intención é a de crear un pequeno festival autoxestionado co que recadar fondos que apoien ao pobo palestino a través de diversas organizacións. As escollidas son Hope Palestina, Pallasos en Rebeldía e Médicos Sen Fronteiras.

O evento distribúese en tres datas ao longo de decembro. A primeira será un recital poético con data e lugar por confirmar, no que participarán numerosas e recoñecidas voces galegas. O mércores 10 de decembro, no The Monk Pub, será a xornada informativa, coincidindo co Día Internacional dos Dereitos Humanos. Participarán os colectivos BDS, Intifada Cultural e Pallasos en Rebeldía. A intención é ofrecer información contrastada e abrir un diálogo crítico coa sociedade viguesa. Por último, o venres 12 será o concerto solidario na Sala Masterclub, con presenza de grupos moi coñecidos no panorama musical galego aínda por desvelar.

O Yalah Festival non é só un evento cultural, senón tamén un acto de compromiso colectivo. Desde a organización, salientan que a súa razón de ser é “seguir concienciando ás persoas da necesidade de denunciar, visibilizar e falar do xenocidio que tantos anos leva vivindo o pobo Palestino. Tamén xorde para achegar axuda económica a organizacións que estean traballando por e para estes mesmos obxectivos”. Tamén realizarán dous xantares populares: o sábado 11 de outubro en Candeán e outro en novembro en Redondela, coa data por definir.

A comezos de outubro o festival poñerá á venda de xeito anticipado tanto as entradas como o merchandising, a un prezo inferior do que custará durante o propio evento. Tamén abren unha fila 0 para quen queira aportar economicamente pero non poida asistir ás actividades.

Yalah” é unha expresión moi habitual en árabe coloquial que vén significar algo como “veña!” ou “imos!”.Úsase para animar a alguén a moverse ou para dar forza nun momento de acción. No contexto do festival, transmite esa idea de chamada colectiva a mobilizarse e participar, vinculando cultura e solidariedade con Palestina.