Nace en Vigo ‘Sinerxias 430’, un festival que une o talento galego e o internacional

Entre o 20 de setembro e o 9 de novembro, Vigo acolle a primeira edición do Festival Internacional de Música de Cámara de Vigo SINERXIAS 430, organizado pola Orquestra de Vigo 430. A proposta conta cunha programación de seis concertos temáticos, que mesturan músicos internacionais e galegos.

OV430 no Centenario do RC Celta | Obtida do seu Facebook

A Orquestra Vigo 430 nace co obxectivo de achegar a música clásica a novos públicos potenciais, a través da combinación do novo talento galego coa aportación estranxeira. Deste xeito, o festival nace coa vocación de converterse nun referente anual da música de cámara en Galicia. Trátase dun evento para todos os públicos que pon en valor a experiencia de compartir a arte.

Intérpretes de proxección internacional, músicos da Orquestra Vigo 430 e novos artistas galegos emerxentes son os protagonistas dos concertos programados. Estes, están concibidos como unha viaxe emocional, desde o romantismo de Brahms e Dvořák ata a audacia contemporánea de Tristan Schulze ou Pēteris Vasks. Un repertorio que vai desde o Barroco ata a creación contemporánea.

Máis aló das actuacións musicais, Sinerxias 430 ofrece actividades paralelas como o I Concurso de Música de Cámara para novos intérpretes, dirixido ao alumnado dos conservatorios superiores de toda España, así como clases maxistrais impartidas por artistas convidados. Ademais, o 5 de novembro organízase a mesa redonda Mulleres compositoras: un relato esquecido ou unha historia por contar?, en colabroación con EnClave Morada do CMUS Profesional de Vigo. Nela, compositoras, intérpretes e especialistas, abordarán a necesidade dunha perspectiva de xénero na creación musical. Deste xeito, refórzase o compromiso do proxecto coa igualdade, poñendo o foco nas mulleres compositoras.

Javier Escobar é o director artístico da proposta, quen a define como “un lugar de encontro que busca tender pontes entre a tradición e a vangarda, entre a proximidade e a excelencia”. Apóstase pola creación de formacións ad hoc, experimentando coas combinacións e os diálogos entre os músicos participantes.

Algúns dos nomes con proxección internacional máis destacados nesta primeira edición do festival son: violinistas como Claire Wells, Clémence de Forceville ou Mira Foron; os violonchelistas Yibai Chen ou Li La, as violistas Luz Elisabeth Sánchez e Carla Guillén ou os pianistas Anthony Sintow-Behrens, Santi Meijide e Sergio Gómez. Todos eles, compartindo escenario e integrándose cos músicos da OV430.

A programación dos concertos é a seguinte:

  • 20 de setembro Monólogos e diálogos: De Cassadó e Bach a Brahms, entre introspección e forza colectiva.
  • 21 de setembroEntre a brétema e o lume: Dvořák, Beethoven, Poulenc e Waxman, nun programa de intensos contrastes.
  • 18 de outubroResonancias íntimas: Mozart e Borodin, dúas xoias para
    cuarteto de corda.
  • 7 de novembro Camiños cruzados: Ravel, Chaminade, Bonis e Ysaÿe. Diálogos franco-belgas para violín e piano.
  • 8 de novembro Murmurios e correntes: Clara Schumann, Hindemith e Schubert, nunha corrente que flúe da emoción íntima á vitalidade desbordante.
  • 9 de novembroFortalezas do espírito: Kodály, Vasks e Schulze, un potente contraste entre tradición e modernidade.

Para información máis detallada sobre sobre a venda de entradas e os espazos podes consultar a súa páxina web premendo aquí.