Nace a Fundación Ángeles Terrazo cun premio de novela de 20.000 €

Vigo acolleu o pasado 21 de xaneiro a presentación oficial da Fundación Ángeles Terrazo e do seu Premio Ángeles Terrazo de Novela, un acto co que a entidade se deu a coñecer publicamente e anunciou unha iniciativa destinada a impulsar a creación literaria e a contribuír ao fortalecemento do tecido cultural.

O evento estivo presidido por Ángeles Terrazo, presidenta da Fundación, acompañada polos membros do padroado. Quizais a propia Terrazo non sexa unha cara moi coñecida a nivel mediático en Vigo, mais si a súa familia: é a esposa de Carlos Mouriño e nai de Marián Mouriño, ex presidente e actual presidenta do Celta, respectivamente. O acto foi presentado polo músico e escritor Pedro Feijóo e contou cunha intervención artística de Ramón Trigo, poñendo de manifesto o diálogo entre distintas disciplinas culturais.

Durante a súa intervención, a presidenta destacou a vocación cultural e social da Fundación, concibida como un espazo de apoio á creación, de impulso ao talento e de contribución ao desenvolvemento cultural. Neste sentido, subliñou a importancia de “fomentar a escritura, para que a nosa mocidade atope vías de comunicación e expresión. Temos mozos e mozas con talento que poden atopar o seu camiño a través da palabra escrita e da comunicación”.

No marco da presentación, a Fundación anunciou a creación do Premio Ángeles Terrazo de Novela, unha iniciativa destinada a impulsar a creación literaria e apoiar o talento narrativo. O galardón está dotado con 20.000 € e nace coa vocación de converterse nun referente cultural, apoiando proxectos literarios de calidade e fomentando a escritura como expresión artística e cultural.

As bases do premio déronse a coñecer durante o acto e recollen o espírito co que nace esta convocatoria, aliñada cos valores da Fundación Ángeles Terrazo e o seu compromiso coa literatura.

  • Participantes: Poderán concorrer autores e coautores de calquera nacionalidade, maiores de idade, con obras orixinais escritas en castelán ou galego.
  • Obras presentadas a concurso: As novelas deberán ser orixinais e inéditas, sen teren sido publicadas nin premiadas con anterioridade, nin estaren pendentes de fallo noutros concursos. Non se permite a creación da obra mediante IA xerativa.
  • Extensión: mínimo 200.000 caracteres e máximo 400.000 (con espazos).
  • Prazo de admisión: A recepción de orixinais finalizará o 30 de xullo de 2026.
  • Premio: Outorgarase un único premio de 20.000 €. Non obstante, o xurado poderá declarar deserto o premio se as obras non acadan o nivel de calidade requirido.
  • Concesión do Premio:
    • A obra gañadora será publicada en castelán e galego, con dereitos de tradución ata 300 exemplares.
    • A titularidade da obra seguirá sendo do autor ou autora, agás os dereitos de edición e promoción definidos pola Fundación.
  • Xurado:
    • Darío Villanueva Prieto
    • José Manuel Otero Lastres
    • Arantza Portabales Santomé
    • Bieito Rubido Ramonde
    • Adolfo Domínguez Fernández

A decisión será inapelable e darase a coñecer en outubro de 2026.

OV430
  • Entrega do Premio: O acto de entrega celebrarase en Vigo o 14 de novembro de 2026.