Música galega e internacional toman Vilaxoán no festival Revenidas

Do 11 ao 14 de setembro, Vilaxoán de Arousa convértese na capital da cultura galega e da música alternativa coa nova entrega do festival Revenidas. O evento, finalista en 3 categorías dos Iberian Festival Awards 2025, ofrece unha ampla programación con catro xornadas de concertos, obradoiros, gastronomía e diversión familiar. Artistas consolidados na escena nacional e internacional comparten escenario con outros emerxentes, celebrando a variedade lingüística desde a igualdade e a diversidade.

Festival Revenidas | Christian Pérez

Entre as actuacións programadas, destaca o retorno aos escenarios de Riot Propaganda, trala súa despedida en 2018. A mítica banda de rapcore ofrece en Vilaxoán o seu único concerto en Galicia dos dez que vai realizar en todo o país. Outro dos pratos fortes do cartel son os italianos Talco, un dos maiores representantes da escena ska-punk europea, que repiten visita ao festival. Tamén, un dos máis emblemáticos nomes da escena estatal do punk rock, Lendakaris Muertos ofrece en Revenidas o seu derradeiro concerto en Galicia antes do seu parón indefinido.

ESCENICAS

Un dos puntos clave deste encontro é a marcada presenza da música galega, da man de artistas como Sés, Heredeiros da Crus e Hugo Guezeta. Tamén o músico de Catoira, Baiuca, unha das principais referencias da fusión da música tradicional galega coa electrónica. A estes súmanse os xa considerados clásicos do festival, como son Dakidarría e o desenfado bailable de Monouilous DopThe Rapants non podían faltar entre os nomes galegos, gañadores do premio MIN ao mellor disco galego do 2024. Mondra e Galician Army chegan a Vilaxoán con discos acabados de publicar. Entre as bandas galegas que se estrean no festival atopamos a Terrae, capaces de fusionar a world music coa electrónica; a Orquestra Bravú Xangai, liderada por Xurxo Souto; a banda de punk rock do Val Miñor Seitura; e unha das figuras emerxentes máis aclamadas pola mocidade, Filloas, tamén cun disco por estrear en directo.

Máis aló do galego, o Revenidas pretende poñer en valor a variedade lingüística da península coa presenza de artistas como o vasco Fermin Muguruza, que ven de encher o Movistar Arena e o Palau Sant Jordi, co seu derradeiro concerto en Galicia da súa xira 40 aniversario; as catalás Les Testarudes, banda barcelonesa formada por nove mulleres cun sen orientado cara ao ska, o rocksteady e o reggae; e, desde Portugal, un dos proxectos de reinvención máis orixinais da música tradicional do país veciño, Omiri, unha mestura de folk tradicional con música electrónica. Pola súa parte, representando ao sur chega F.R.A.C. (Fundación de Raperos Atípicos de Cádiz), banda que fusiona rimas ao estilo «romanceiro gaditano» sobre instrumentais de dub, dancehall e rap. Tamén se suman ao Revenidas 2025 Onza, quinteto asturiano de rock-hardcore liderado por Pepo, o que fora cantante de Desakato. Aos nomeados, súmanse outras moitas actuacións de artistas procedentes doutros lugares do país, como Navarra, Valencia ou Estremadura.

Ademais, reforzando o compromiso do festival coa inclusión de propostas internacionais, actuarán os bosnios Dubioza Kolektiv, as suecas The Baboon Show e as neozelandesas Dick Move. Representando a escena emerxente do país, a rapeira madrileña Bewis de la Rosa.

O festival aposta pola paridade de xénero, cunha destacada presenza de artistas mulleres e bandas con presenza feminina, contribuíndo á loita contra o predominio de carteis masculinizados nos distintos eventos musicais.

próxima semana o Revenidas anunciará o cartel por días e posteriormente fará o propio co programa das actividades complementarias, como son os concertos a bordo, a gala de circo solidaria e os roteiros por Vilaxoán.

CARTEL POR DÍAS

  • Xoves 11 de setembro: Dubioza Kolectiv, The Rapants, The Baboon Show, Sanguijuelas del Guadiana, Hugo Guezeta, Buhos, Galician Army, Dick Move e A Duendeneta.
  • Venres 12 de setembro: Fermin Muguruza, Sés, Baiuca, Talco, The Testarudes, Sons Of Aguirre & Scila, J Martina, Seitura, Svetlana e A Duendeneta.
  • Sábado 13 de setembro: Lendakaris Muertos, Riot Propaganda, La Élite, Heredeiros Da Crus, Dakidarría, Mondra, Bewis De La Rosa, Monoulious Dop, La Fúmiga, Omiri, Onza, F.R.A.C, Filloas (Vibra Mahou), Yaya Dj e A Duendeneta.
  • Domingo 14 de setembro: A tradicional sardiñada popular ao mediodía, a Gala de Circo Solidaria e as actuacións de Mekanika Rolling Band, As do Xeito, Concerto Punkinfantil, Orquestra Bravú Xangai e Terrae. 

ENTRADAS POR DÍA, ABONOS E ACAMPADA 

Xoves: 35,00 € + gastos de xestión
Venres: 35,00 € + gx
Sábado: 40,00 € + gx 
Domingo: De balde 

Os abonos para as tres xornadas do Revenidas 2025 seguen á venda a un prezo de 69,00 € (+ gastos de xestión). 

As persoas que merquen o abono tamén poderán reservar na web o acceso á acampada por un importe de 15,00 € no Rial e 10,00 € na Pelada, ambas con servizo circular de bus gratuíto. Os posuidores de entrada de día tan só poderán reservar a acampada na Pelada.

Podes mercalas premendo aquí