Música, artesanía e actividades infantís para celebrar a fin de semana das Letras Galegas en Vigo

Esta fin de semana vén marcada pola celebración do Día das Letras Galegas que este ano se dedican á xornalista e escritora viguesa Begoña Caamaño. Ademais do concerto gratuíto de Uxía no Auditorio Mar de Vigo, a sala Rebullón organiza o décimo aniversario do Miúdo Fest e o mercado do Calvario acolle unha nova edición do Mercado da Arte. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.

O PETISQUIÑO – Durante toda a fin de semana en diferentes localizacións – Desde 4,00 €

O concurso de tapas O Petisquiño trasládase este ano á primavera, celebrándose en Vigo do 15 ao 30 de maio con 22 propostas (18 salgadas e 4 doces) que se poden probar nos 19 establecementos participantes nesta edición. O público e un xurado profesional seleccionarán as oito mellores creacións, que competirán nunha final en directo o 9 de xuño no Hotel Ática. O certame, que busca dinamizar a hostalaría local antes do verán, premiará categorías como a mellor maridaxe, a tapa máis popular ou a mellor elaboración con produtos do mar.

MIUDO FEST E IX ROMARÍA – Durante toda a fin de semana na Sala Rebullón – De balde

O Miúdo Fest celebra a súa décima edición con actuacións gratuítas para público familias do 15 ao 17 de maio na contorna da Sala Rebullón, comezando o venres co teatro de Hamlet (IES de Mos). O sábado será a quenda do clown de Peter Punk e o ritmo de Cé Orquestra Pantasma, mentres que o domingo o festival pechará por todo o alto co concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona. Ademáis a Sala Rebullón celebra este sábado a partir da 13:00 h a súa IX Romaría onde contará cos concertos de Filloas, A Banda da Balbina, El Nido, Guezos e o peche da festa correrá a cargo de DJ Chega na hora.

ESPECTÁCULO DE ABRAHAM BOBA – Venres ás 20:00 h no Auditorio do Concello – Desde 15,00 .€

Abraham Boba, recoñecido como un dos músicos e letristas máis destacados do indie estatal á fronte de León Benavente, leva ao escenario o seu universo literario. Baseado no libro homónimo publicado por Arrebato Libros, 163 centímetros, é unha viaxe poética, entre o teatro e o concerto, arredor da estatura e da identidade. A través dun ensaio autobiográfico, Boba reflexiona sobre as consecuencias de non encaixar no canon físico dominante. Cun ton honesto e afastado do victimismo, o artista aborda o que significa ser un home de baixa estatura, combinando vivencias propias con referencias a figuras históricas e culturais (desde Alexandre Magno ata Prince) que compartiron esta circunstancia.

CONCERTO DE BUDIÑO – Venres ás 20:30 h no Teatro Afundación – Desde 17,60 €

O novo espectáculo de Budiño para este 2026, baseado no seu disco ‘Branca Vela’, ofrece unha experiencia inesquecible que fusiona percusión tradicional e electrónica orgánica nunha posta en escena vangardista. Acompañado por unha banda de novos talentos, o artista celebra dúas décadas de traxectoria cunha viaxe íntima que une as súas raíces galegas coa modernidade sonora. Esta proposta reafirma a evolución creativa de Budiño, consolidándoo como un referente internacional capaz de desafiar as fronteiras musicais sen perder a súa esencia.

CONCERTO DE MARÍA GREP & MUNDO PRESTIGIO – Venres ás 21:00 h en Mondo Club – Desde 13.20 €

Maríagrep e Mundo Prestigio xuntan o seu talento para levar aos escenarios o seu primeiro EP compartido, un proxecto que leva por nome ‘Voy a pensar en ti’. A súa aposta sonora navega entre o groove do pop emerxente e unha estética inspirada en nomes como Clairo, Men I Trust, Khruangbin, Elia y Elizabeth, Faye Webster ou Susana Estrada. Trátase dun estilo que persegue a harmonía entre a psicodelia lixeira e o pop melódico, enfocado especialmente no público que percorre as correntes alternativas do Estado. Ademais, quen queira facerse co traballo en soporte físico poderá adquirir nas súas actuacións unha tiraxe limitada do EP en formato vinilo de 10 polgadas.

A URBANA FEST – Sábado e domingo durante todo o día no Auditorio Mar de Vigo – Desde 9,95 €

A cidade de Vigo prepárase para recibir por primeira vez ‘La Urbana Fest’, un evento que promete transformar a Galicia no epicentro nacional da danza urbana, as artes escénicas e a cultura dixital. Durante todo un fin de semana, o público poderá gozar dunha fusión vibrante de competición, formación e tecnoloxía. A xornada do sábado estará dedicada á formación gratuíta con obradoiros de alto nivel impartidos polos membros do xurado. Tamén haberá espazo para o debate cultural e unha Zona de Realidade Virtual con gafas Meta Quest, onde os asistentes poderán experimentar cos videoxogos inmersivos, o graffiti virtual e a danza dixital. O prato forte chega o domingo co Campionato Coreográfico e as batallas, que repartirán máis de 5.000 € en premios.

‘RÉQUIEM’ DE MOZART – Sábado ás 20:30 h no Teatro Afundación – Desde 17,60 €

A Orquestra Clásica de Vigo pecha a tempada 2025-2026 acompañada do Ensemble Vocal Pro Musica de Porto. Interepretarán a maxestosa Misa de Réquiem de Mozart, unha obra fundamental que une a solemnidade barroca coa emoción do clasicismo. O concerto, dirixido por Manuel Martínez Álvarez-Nava e José Manuel Pinheiro, contará coas voces solistas de Raquel Paulo, Gisela Sachse, Pedro Rodrígues e Nuno Araújo. Esta colaboración internacional tamén serve para celebrar o 35 aniversario da formación coral portuguesa, ofrecendo unha interpretación única dunha peza cargada de historia e lendas.

CONCERTO DAS LETRAS GALEGAS CON UXÍA – Sábado ás 20:30 h no Auditorio Mar de Vigo – De balde

A artistas mosense Uxía, unha das voces máis salientables da música galega e, ademais, amiga de Caamaño, será a encargada de poñer a banda sonora ao concerto das Letras Galegas que este ano se celebra na nosa cidade. Moitas das cancións que interpretará están inspiradas en textos de Begoña, que aparecen recollidas no librodisco de próxima publicación Indómitas. 9 ondas a Begoña Caamaño. Ademais dos membros da súa banda (Santi Cribeiro, Isaac Palacín, Quim Farinha, Judith Almeida e Rafa Otero), Uxía estará acompañada por varias convidadas sorpresa. O concerto xirará arredor da personalidade de Begoña, unha muller libre, comprometida e feminista.

CONCERTO DE ONA MAFALDA – Sábado ás 21:30 h en La Pecera – Desde 10,50 €

FAITE AMOVIDALOVER

Girando Por Salas é un circuíto de músicas populares concibido para a promoción das músicas actuais, facilitar aos artistas emerxentes un circuíto de concertos e salas máis alá da súa propia comunidade autónoma e potenciar a música en directo. Dentro do ciclo a artista Ona Mafalda chega este sábado a La Pecera. Formada musicalmente en Berklee College of Music – Boston, graduada en composición e técnica vocal, a artista, afincada en Madrid, compuxo todos os seus temas —máis de 30 publicados— dispoñibles nas principais plataformas musicais de todo o mundo.

MERCADO DA ARTE – Domingo de 11:00 h ás 20:00 h no Mercado do Calvario – De balde

A décima edición do Mercado da Arte do Calvario transformará a praza de abastos de Vigo nun escaparate artístico con máis de oitenta expositores de pintura, ilustración, xoiería e serigrafía. Seleccionados entre máis de 350 propostas pola súa alta calidade, os artistas procedentes de toda Galicia e do resto de España ocuparán os tradicionais postos do mercado para achegar a súa obra ao público de forma directa. Durante a xornada tamén se celebrarán obradoiros, actividades para a cativada e actuacións musicais.