Mulleres á fronte: visibilidade para as creadoras migrantes en Galicia

O Directorio de Artistas Globais naceu no 2025 co obxectivo de visibilizar e conectar ás artistas migrantes do Sur Global que desenvolven o seu traballo en Galicia e que con frecuencia quedan fóra dos circuítos culturais.

Integrantes de Mulleres á Fronte con artistas participantes no estudo

En 2025 presentouse Mulleres á fronte dende o Sur Global, un proxecto nado na universidade que aglutina un Directorio de Artistas Globais en Galicia e un Arquivo dixital do Batuku de Cabo Verde e que ten como obxectivo ensinar o traballo das mulleres migrantes nas artes escénicas en Galicia. O directorio é iniciativa dun equipo interdisciplinar formado por sete investigadoras das tres universidades galegas. Unha delas é Iria Vázquez Silva, doutora en Socioloxía pola Universidade de Vigo e experta en xénero e movementos transnacionais. Segundo explica Vázquez, a idea de Mulleres á Fronte xurdiu de forma natural: “Xuntámonos porque levabamos máis dunha década facendo proxectos de investigación xuntas sobre migracións con perspectiva feminista, e chegou un momento no que quixemos darlle máis visibilidade aos nosos traballos e comezar a facer cousas un pouco máis artísticas”. O nome Mulleres á fronte parafrasea o Girls to the front, do punk dos anos 90, e busca reivindicar ese paso adiante das mulleres artistas.

O directorio, que pode consultarse nesta web, aglutina a creadoras da música, a poesía oral, o teatro e a danza que viven en Galicia e se identifican como migrantes. Para crealo, mapearon Galicia coa axuda da ONG Ecos do Sur e organizaron sesións de traballo con artistas migrantes para coñecer as súas necesidades. “O obxectivo é deixar constancia de que están aquí para que a falta de visibilidade non sexa unha excusa. Institucións e produtoras deberían botar un ollo para comezar a escoitalas”, conta a experta.

Xornada de traballo do Directorio de Artistas Globais na UDC

A outra pata de Mulleres á Fronte é unha serie de vídeos de batuku grabados no municipio de Ribeira Grande de Santiago, en Cabo Verde. O equipo investigador colaborou con sete bandas de mulleres deste estilo de música tradicional e un equipo de grabación local para dar a coñecer o batuku, unha práctica artística liderada polas mulleres do país que non estaba suficientemente documentada. A idea naceu do traballo que a investigadora da USC Luzía Oca leva anos desenvolvendo con mulleres caboverdianas en Burela e foi o xérmolo de todo o proxecto Mulleres á Fronte.

Unha das 32 mulleres que forman parte do Directorio de Artistas Globais en Galicia é Miriam Sandoval, afincada en Vigo e cunha traxectoria de máis de corenta anos na música, a composición e a docencia. A pesar do seu currículo, Miriam relata os obstáculos que atopa para mover os seus traballos, como Cantigas Trashumantes, no que mestura poemas de autores galegos como Carlos Casares, ou Eduardo Blanco Amor, coa música tradicional do país latinoamericano ao que emigraron. A artista pon o foco na discriminación estrutural: “Gustaríame saber se é por ser muller ou por ser migrante, porque a dificultade para acceder aos escenarios é para min unha barreira invisible que non parece depender da calidade do traballo”, expresa a artista, que foi galardoada co Premio Rodolfo Prada 2023 á Xestión Cultural polo mesmo proxecto.

Aínda que Miriam Sandoval valora a existencia de Mulleres á fronte como un paso cara ao recoñecemento, é crítica coa súa efectividade. Segundo a artista, a súa inclusión no directorio aínda non se traduciu en novas oportunidades de traballo, polo que reclama un compromiso institucional que supere o plano simbólico. “Boto de menos un acordo real das institucións; gustaríame que programaran polo menos unha actuación de cada unha das mulleres que formamos parte”.

Malia as dificultades de financiamento e programación, o proxecto xa demostrou a súa utilidade como rede de sororidade. A través dun grupo de Whatsapp, as artistas están a xerar as súas propias sinerxias, como o recente documental de Mariana Rodrigo sobre mulleres artistas migrantes. Agora o reto é que o sistema cultural deixe de mirar cara a outro lado e permita que estas voces estean, dunha vez por todas, á fronte.