REVISTA ABRIL

Morgan, Lamatumbá e VigBay para a primeira fin de semana de abril en Vigo

Inauguramos o mes de abril cunha fin de semana chea de eventos. Morgan e Lamatumbá son algúns dos grupos que actuarán en directo nas salas da cidade e miles de corredores participarán na tradicional media maratón Vig-Bay. Para máis información, preme nos títulos e, se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana en Vigo, entra na axenda de A Movida.

Morgan

MORGAN, HOTEL TOUR 2025 – Venres ás 21:00 h no Teatro García Barbón- Desde 25,30 €

Morgan regresa aos escenarios coa súa xira Hotel Tour 2025 para presentar o seu cuarto traballo de estudo titulado Hotel Morgan. Con este disco quixeron crear un lugar temporal para estas novas cancións, no que cada unha teña o seu sitio, conte a súa historia e sexa libre no seu propio espazo, pero preto das demais. Un lugar máis dos moitos que formen parte dese camiño e que lles representa agora. É o hotel desde o que sairán a tocar. O lugar no que vivirán, trasnoitarán, descansarán e soñarán co seguinte.

CARMESÍ – Venres ás 21:00 h en La Pecera – Desde 10,00 €

Carmesí é unha compositora, cantante e guitarrista destacada. Presentará, para a edición #GPS15 de Girando Por Salas, iniciativa do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM) del Ministerio de Cultura, un show moi especial, producido por Raúl de Lara. Teclados, batería electrónica e analóxica, guitarra acústica, voz, secuencias perfectas con músicos experimentados, nun directo que mostra a emoción das cancións sen pretensións próximas e ata terapéuticas.

Carmesí | Cedida

LAMATUMBÁ – Venres ás 22:00 h na Sala Rebullón – Desde 13,00 €

A formación ourensá Lamatumbá, unha das grandes referencias da música en galego das últimas décadas, reinvéntase para saír de novo de xira este verán. Logo do seu regreso aos escenarios no 2023 o grupo incorporouse o pasado ano á carteira de artistas e espectáculos de Ainé, a produtora liderada polo actor Xosé A. Touriñán, co obxectivo de consolidar o relanzamento do seu proxecto musical. Presentarán o seu novo tema, Botando Leña,  que dará título á xira e ao próximo videoclip da formación, pero tamén a nova identidade gráfica, deseñada pola artista ourensá Noa Fernández.

Lamatumbá | Cedida

O MERCADIÑO DE EMAÚS – Sábado de 10:00 a 13:30 h no Local Emaús – De balde

Como cada mes, O Mercadiño está de volta no local de Emaús. Trátase dun mercado solidario que ofrece roupa, mobles e diversos artigos de bazar para financiar os proxectos de inclusión social e laboral.

DÍAS EUROPEOS DA ARTESANÍA – Sábado e domingo de 11:00 h a 19:00 h no Museo Mar de Vigo – De balde

Con motivo da conmemoración dos Días Europeos da Artesanía, o Museo do Mar de Vigo acolle unha serie de obradoiros gratuítos, para os cales non é necesaria unha inscrición previa, organizados pola Fundación Artesanía de Galicia. Algúns dos obradoiros nos que podemos participar son: cerámica en torno con Claudio San Claudio, cerámica en mesa con Peixe Nero, obradoiro de coiro con Medialúa Artesanía e pintura en tecido con Como pez en el agua.

CIENCIA QUE ALIMENTA – Sábado ás 17:30 h no Centro Comercial Camelias – De balde

Este espectáculo, pensado especialmente para a cativada a partir dos tres anos, está cheo de entretenemento, risas e sorpresas; e xa foi todo un éxito noutras localizacións. O seu obxectivo é dar a coñecer a ciencia e a igualdade dunha maneira orixinal e divertida, afastándose da imaxe seria que a miúdo se lle atribúe. A través de experimentos científicos, búscase mostrar aos nenos o fascinante mundo da ciencia, utilizando diferentes sentidos como o olfacto, o tacto e a vista.

MAXIA, MISTERIOS E OUTRAS HISTORIAS – Sábado ás 18:00 h en Magia en la Manga – Desde 8,00 €

Da man do ilusionista Óscar Fernández será posible entrar nun mundo onde a maxia e o humor non deixarán indiferente a ninguén. Números clásicos reinventados para chegar a sitios imposibles e sensacións únicas para toda a familia. O misterio non entende de idades, e tanto nenos como adultos vivirán por igual o misterio da maxia e descubrirán que pode ser máis real do que pensamos.

POSTALES ROTAS – Sábado ás 20:00 h na Sala Ártika – Desde 12,00 €

Esta peza de danza teatral revive a historia da emigración asturiana a través dos ollos dunha muller. Postales Rotas  é un espectáculo visualmente impactante e emotivo, dirixido polo prestixioso coreógrafo Ramón Oller e interpretado por Estrella García e Miguel Quiroga. Un relato de cartas non enviadas, soños rotos e identidades en busca de liberdade, que conmove e fai reflexionar.

Postales Rotas | Cedida

HOMENAXE A BUXAINA – Sábado ás 20:00 h no Teatro García Barbón – Desde 8,00 €

Trátase dun acto anual que o Grupo Etnográfico A Buxaina organiza en colaboración co Centro Recreativo Artístico e Cultural de Coruxo (CRAC) e que ten como obxectivo principal dar a coñecer a aquelas persoas que, de xeito altruísta, souberon conservar e transmitir a sabedoría do noso baile e música tradicionais. Nesta edición os homenaxeados son as pandeireteiras de Ons e Cándido Peiteado, acordeonista.

VIG-BAY – Domingo ás 10:00 h desde Samil – Desde 14,00 €

O Club de Corredores Vig-Bay organiza o XXIV Medio Maratón Gran Bahía Vig-Bay, que como cada ano arranca o seu percorrido na Avenida de Samil, á altura da entrada ao aparcadoiro do novo hotel e remata no parador de Baiona. Nesta edición, bateuse o récord de corredores inscritos e serán arredor de cinco mil os atletas en enfrontarse a esta proba de 21 quilómetros. Ao mesmo tempo, tamén se desenvolverá a Mini-Bay na que cerca de dous mil corredores cubrirán os dez quilómetros que hai desde Panxón ata Baiona.