Milongas, o asador que non anda con contos
Neste restaurante con nome de ritmo suramericano ofrecen carnes galegas á grella, menús abundantes e un espazo acolledor para comidas en grupo ou con nenos. A súa insignia é o Milonga Campera, un menú con churrasco ilimitado.

«¡No me cuentes milongas!», diríache un gaucho se lle prometes unha churrascada inesquecible nun centro comercial… Pero neste caso, faría ben en crerte. O asador Milongas, que xa suma nove locais en Galicia, ofrece unha fórmula coñecida pero orixinal: carne galega, menús pechados e abundantes e savoir-faire arxentino.
Cristian, o director de operacións desta churrasquería, explica que Milongas non pretende ser un asador arxentino. «É unha mestura na que o produto e os cortes de carne son galegos, adaptados ao gusto de aquí, pero nós poñémoslle o cariño e a experiencia de coidar a carne como facemos alá». O rei da casa é o menú Milonga Campera, un bufete no que, por 17,90 euros (bebida á parte), podes comer churrasco de tenreira e de porco, segredo de porco, chourizo crioulo, patacas, ensalada, pan… e repetir canto queiras. Si, todo o que se queira. E se aínda che queda sitio, a sobremesa ou o café están incluídos.


A súa filosofía é traballar con pratos tradicionais en menús pechados que inclúen gornición, pan e doce ou café. Ademais da devandita churrascada, na carta atopamos costeleta de vaca galega ao quilo, madurada nas súas propias cámaras, así como croca e bacallau á portuguesa, que está a gañar popularidade entre quen prefire peixe. De entrantes hai opcións clásicas da boa mesa galega: polbo á feira, luriñas, voandeiras ou pementos de Padrón, e tamén a provola ao forno, que pon o acento arxentino. De luns a venres, o prato do día engade cinco pratos semanais diferentes por só 13,90 euros, con bebida e sobremesa incluídas.


Se hai un público que Milongas coida con especial agarimo é a cativada. «Son as nosas estrelas», confesa Cristian, e para eles teñen un menú especial, o Milonguitas, con tres opcións diferentes entre as que non falta a de minichurrasco, patacas fritidas e sobremesa. Todos os locais dispoñen dunha zona infantil e a cociña ten unha regra de ouro: os seus pratos saen os primeiros. Así, poden comer e despois teñen tempo para xogar mentres os adultos gozan dunha comida tranquila.



O local de Vigo está situado no Centro Comercial A Laxe e ten unhas bonitas vistas á ría e ao porto deportivo. Amplo, luminoso e sorprendentemente acolledor, é moi axeitado para celebrar comidas en grupo e ceas de empresa, algo que ter moi en conta co Nadal á volta da esquina. Para máis comodidade, podemos reservar a través da páxina web.
Centro Comercial A Laxe (Rúa Cánovas del Castillo, 1) | milongasparrillada.com | @milongasparrillada
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Son e Mar, Gala por Palestina e Zombie Walk esta fin de semana en Vigo - 10 Setembro, 2026
- Vigosónico oferta clases gratuítas de baixo, guitarra, batería e canto - 9 Setembro, 2026
- O GFFF inaugura unha exposición que repasa a historia do cine fantástico - 3 Setembro, 2026
- Arteficial celebra dúas décadas de cultura alternativa en Ribadavia - 2 Setembro, 2026
- Curtametraxes, feridas de látex e David Bowie na sexta edición do Pequefreak - 20 Agosto, 2026

