Miguel Ríos, Vigo Psych Fest, Recolleita, Galicia Ilusiona ou El Consorcio esta fin de semana en Vigo
Moita música, moito teatro e moita festa é o que temos para esta fin de semana de outubro. Preme no título de cada evento para máis información. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.

MIGUEL RÍOS | Venres 10 ás 20:00 h no Teatro García Barbón | Desde 30,00 €
A lenda do rock estatal Miguel Ríos volveu á estrada neste 2025. El último vals é unha xira de concertos na que poderemos coñecer en directo o seu novo traballo, acompañado no escenario por catro músicos multiinstrumentistas que nos ofrecerán un formato electroacústico onde o rock e o country se dan a man.
DEDICADO A PACO | Venres 10 ás 21:00 h no Mar de Vigo | Desde 22,50 €
Nesta proposta inédita, algunhas das figuras máis recoñecidas do flamenco actual reúnense para render tributo ao xenio de Alxeciras. “Dedicado a Paco” non é só un concerto, senón un diálogo vivo entre tradición, virtuosismo e emoción profunda que abrirá o Ciclo Intermodal 2025.
RUFUS T. FIREFLY | Venres 10 ás 21:00 h no Island Club | Desde 25,00 €
Rufus T. Firefly, liderada por Víctor Cabezuelo e Julia Martín-Maestro, é unha banda considerada de culto dentro do panorama independente do noso país. A súa enerxía e son profundamente sofisticado foxe do evidente e constrúe, en cada produción e directo, un ambiente de maxia e rock con descoidos cara unha psicodelia pulcra e altamente adictiva.
VIGO PSYCH FEST | Venres 10 e sábado ás 21:30 h na sala Masterclub | Desde 20,00 €
O festival está enfocado no stoner, doom e rock psicodélico, xéneros minoritarios pero que gozan de boa acollida na cidade. Tras unha xornada inaugural o día 4, o evento continuará o venres 10 e sábado 1 coas actuacións de Travo, Madmess, Atomic Vulture, The Miffs, Totengott e Mil Homes.
ENCONTRO PATCHWORK | Sábado 11 desde as 10:00 h no CC Camelias | De balde
O Centro Comercial Camelias celebra o primeiro Encontro de Patchwork coa especialista viguesa Auri Costas. Trátase dunha cita que converterá o centro nun espazo de creatividade textil, aberto a todos os públicos. Desde as 10:00 h, a Planta Alta acollerá a afeccionados e curiosos desta técnica artesá que combina telas e cores para crear pezas únicas. Ademais, a xornada contará con dous talleres prácticos na Planta Baixa, un ás 12:00 e outro ás 17:30 h, pensados para que os participantes podan aprender, experimentar e descubrir o mundo do patchwork da man de profesionais de renome (como é o caso de Auri Costas).
FESTA DA RECOLLEITA | Sábado 11 desde as 17:00 h en Matamá | De balde
A xornada comezará cunha andaina para ir buscar o millo co carro de bois, recuperando así unha tradición do pasado, e continuará cun encontro comunitario no que se esfollará o millo entre todas as persoas participantes. A saída da andaina está prevista para as cinco da tarde dende o lugar da festa, nun pequeno percorrido duns dous quilómetros que incluirá a visita a paraxes tan fermosas como a Barxa das Pedras. Pola tarde haberá magosto, esfollada do millo e as actuacións de Folieiros, Peter Punk e O’Leo de Matamá.
GALICIA ILUSIONA | Sábado 11 e domingo 12 no Teatro García Barbón | Desde 17,70 €
Xa está aquí a cuarta edición do Festival Mundial de Ilusionismo “Galicia Ilusiona”, a gran cita anual coa maxia de máis alto nivel. Un espectáculo único no que se reúnen algúns dos mellores e máis premiados magos do mundo enteiro. Un viaxe polas diferentes ramas da maxia, onde o público poderá ver números de ilusionismo orixinais que xiran continuamente polos mellores teatros e auditorios dos cinco continentes.
VIGOCULTURA: MISS BUJÍA | Sábado 11 ás 20:00 h no Auditorio Municipal | 8,00 €
Unha experta en Arte Barroca fálanos das verdades ocultas detrás de famosas pinturas protagonizadas por mulleres. Ela está decidida a liberalas do marco que as encerra. Na súa adolescencia diagnosticáronlle unha enfermidade mental e desde entón trata de vivir con iso. Falar do tema avergóñalle, teme sentirse rexeitada. Nesta procura da liberación necesita cómplices. Para iso fai un percorrido pola súa vida a través duns cadros concretos que serán unha especie de mapa vital. O seu obxectivo é poder cumprir con éxito a promesa que se fixo hai moitos anos. Hoxe é o seu primeiro día de traballo no museo. Chegou o momento de executar o plan.
FAMILIA NIJINSKA | Sábado 11 e domingo 12 ás 20:00 h na Sala Ártika | Desde 11,00 €
É unha conferencia escénica debuxada que revisita a historia da familia Nijinska, centrada nas figuras de Valslav Nijinsky —bailarín e coreógrafo diagnosticado con esquizofrenia— e a súa irmá Bronislava Nijinska, pioneira da danza esquecida polo canon. A compañía VACAburra propón unha ollada crítica e poética sobre a memoria, a saúde mental e os relatos oficiais da historia da danza, convidando ao público a imaxinar novos horizontes posibles a través da creación escénica. Un exercicio escénico disidente que mestura arte, historia e pensamento contemporáneo.
DE MOCEDADES AL CONSORCIO | Domingo 12 ás 19:00 h no Mar de Vigo
Para falar de El Consorcio é inevitable remitirse a Mocedades, xa que todos os seus integrantes pertenceron a ese grupo. Son a única formación hispana que vendeu máis de un millón de copias dun sinxelo cantado íntegramente en castelán. El Consorcio, formado por Estíbaliz Uranga, Amaya Uranga, Iñaki Uranga e Carlos Zubiaga, é o grupo vocal por excelencia do noso país, e os seus grandes éxitos permanecen hoxe en día. Cancións como: “Tómame o déjame”, “El vendedor”, “La otra España”, “Qué pasará mañana”, “Secretaria”, “Quién te cantará”, “Desde que tú te has ido”, “Amor de hombre”, “Dónde estás corazón”, “Le llamaban loca”… marcan a súa extensa e intensa traxectoria con máis de cinco décadas de historia da música española

