Miguel Eek gaña a competición internacional da 22ª edición de Play-Doc
O cineasta madrileño Miguel Eek álzase co premio da competición internacional grazas á obra Amílcar. Furada Negra de Berio Molina e Crías de Xiana do Teixeiro reciben ex aequo o premio da competición Galicia.

A 22ª edición do Festival Internacional de Cine de Tui, Play-Doc, xa ten palmarés oficial. Amílcar, de Miguel Eek, fíxose co premio da competición internacional. O xurado internacional, composto pola asesora cinematográfica Hayet Benkara, o historiador e crítico de cinema Jay Weissberg e a produtora executiva da revista piauí Raquel Freire Zangrandi, decidiu premiar Amílcar por “retratar, dunha maneira moi orixinal, a historia persoal dun home revolucionario, empregando a súa vida emocional para salientar a importancia da súa humanidade nas causas polas que loitou, ao tempo que integra, con grande rigor, material de arquivo para iluminar o contexto político das loitas de independencia en Guinea-Bisáu e Cabo Verde”. Ademais, o xurado quixo outorgar unha mención especial a Remake, de Ross McElwee, por “ser unha obra profundamente emotiva e persoal, que aborda a complexidade da relación pai-fillo desde unha ollada íntima e sen respostas pechadas”.
Na sección competitiva Galicia, o xurado composto polo profesor, investigador e programador Daniel Ribas; o cineasta Eloy Enciso e a produtora Leire Apellaniz decidiu premiar ex aequo Furada Negra, de Berio Molina, e Crías, de Xiana do Teixeiro. No caso do filme de Berio Molina, o xurado destacou que “crea un atlas do telúrico que, partindo do territorio galego, revela a súa historia a través de covas, penedos e mitos do subsolo. Unha película con múltiples fugas cuxo delicado pero frutífero uso de arquivos sonoros, visuais e literarios nos fascinou”.
No caso de Crías, de Xiana do Teixeiro, decidiron premiala “por ser un extenso e dedicado traballo de investigación duns materiais de uso cotián que historicamente permaneceron infravalorados ou na sombra. Iluminando tanto o contido máis íntimo como a materialidade dos diarios de ducias de mulleres, a película resulta especialmente lúcida ao amosarnos como un conxunto de voces femininas se rebelan contra o espazo que socialmente se lles impón, demostrando que detrás de calquera documento oculto está a violencia do sistema que os perpetúa”.




