Mergullarse nas Illas Atlánticas sen mollarse é posible grazas á realidade virtual

Durante os meses de xullo e agosto, a cooperativa galega 13 Grados desenvolve a segunda edición de O mar en 360º, un proxecto de educación ambiental mariña que permite explorar os fondos submarinos do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia sen necesidade de entrar na auga.

O mar en 360º ofrece unha experiencia inmersiva mediante lentes de realidade virtual que amosan imaxes reais filmadas pola cooperativa nos fondos mariños das illas Atlánticas. A través desta viaxe visual, os visitantes poden descubrir a paisaxe submarina e a biodiversidade que se agocha baixo a superficie do mar. A actividade percorrerá os diferentes arquipélagos do Parque Nacional das Illas Atlánticas durante os meses de xullo e agosto, é gratuíta e para persoas maiores de 6 anos.

A proposta complétase cunha exposición de fotografías e infografías que explican a riqueza ecolóxica do medio mariño galego e a importancia da súa conservación. O mar en 360º quere achegar o mar á cidadanía e promover unha maior conciencia ambiental e conexión co ecosistema que nos rodea.

O calendario previsto inclúe paradas en todos os arquipélagos do parque:

  • Ons: 1, 2, 3, 16 e 17 de xullo (Centro de Visitantes, mañás)
  • Cortegada: 5 e 6 de xullo (Capela de Cortegada, mañá e tarde)
  • Sálvora: 23 e 24 de xullo (ubicación por confirmar, mañás)
  • Cíes: 30 e 31 de xullo, 5, 6 e 7 de agosto (Centro de Visitantes, mañás)
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.