Mercedes Peón e Dakidarría, cabezas de cartel dun novo festival en Gondomar

Festa Raxada chega a Couso, Gondomar, os días 12, 13 e 14 de xuño con concertos, cabaret e tradición. Mercedes Peón e Dakidarría envabeza o cartel no que o 100% dos artistas son galegos. A organización ten aberta unha campaña de crowdfunding para financiar este evento gratuíto.

Dakidarría no festival The Wild | Foto: Paula Cermeño

A parroquia de Couso, en Gondomar, acollerá a primeira edición da Festa Raxada, unha nova proposta cultural impulsada pola comunidade de montes e a cooperativa A Casa das Redes, que aposta pola mestura de música en directo, artes escénicas e participación veciñal. O cartel combina música galega contemporánea, xunto con propostas culturais paralelas, como os espectáculos de cabaret travesti, actividadesde divulgación do patrimonio e a contorna natural e xantar popular.

MILLO VERDE

A Festa Raxada aposta pola música feita en galego como eixo central do festival, programando só grupos galegos e na súa maioría do Val Miñor. O venres 12 abrirase cunha noite de concertos na que actuarán Os Pataghullos, Antimums, Dakidarría, Seitura e The Gotxos Party, rematando cunha sesión festiva con DJs.

O sábado 13 será a xornada máis intensa, con programación continua desde a tarde. Entre as 17:00 e as 19:00 desenvolverase unha triple sesión de cabaret travesti con Petra Porter, Marinita y sus Maromas e Averio. Xa pola noite, pasarán polo escenario Mercedes Peón, Brassica Rapa, Neta Ruffina, Sun Iou e Xente Tóxica, ademais de diferentes sesións DJ que alongarán a festa ata ben entrada a madrugada.

O domingo 14 ofrecerá un peche cun ambiente familiar e actuacións de Gaiteiros de Couso, Geles Alva e Baiona Bay.

A Festa Raxada compleméntase cun programa de obradoiros culturais, feira de artesanía e actividades abertas á veciñanza que amplían a experiencia máis alá dos concertos. Organizada pola comunidade local, a iniciativa nace co obxectivo de dinamizar o territorio e “crear un espazo de encontro aberto, apostando por un modelo de festa sostible, inclusiva e enraizada no rural galego”.

Desde a organización fan un chamamento á colaboración cidadá: están a necesitar máis voluntariado e manteñen aberta unha campaña de crowdfunding para financiar o proxecto. As tarefas de voluntariado inclúen áreas como barras e comida, seguridade, brigada feminista e punto lila, xestión do autobús, camping, barras das actividades, comunicación, produción, limpeza e camerinos e as persoas interesadas poden sumarse ao voluntariado a través do enlace.

O festival habilitará unha zona de acampada na Casa Veciñal de Couso, cun límite de 30 persoas, ademais dunha área de aparcamento para furgonetas. O resto das persoas asistentes deberán recorrer á oferta hostaleira dispoñible na parroquia e na súa contorna.