‘Menú del Día’, a curtametraxe viguesa que serve terror galego en festivais de todo o mundo

A curtametraxe foi seleccionada ata o momento en 38 festivais de 15 países, obtendo premios en certames especializados como Trash Basté, o BUT Film Festival de Bélxica e FantBoi. Unha proposta sanguiñenta e provocadora que busca dar visibilidade ao cinema de terror e gore feito en Galicia, con identidade propia e proxección internacional.

O vigués Pablo Fontenla nun fotograma da curta | Cedida

A curtametraxe Menú del Día, unha produción viguesa de xénero terror, humor e gore, está deixando a súa pegada na escena internacional. Coa súa proposta visceral e transgresora, o curto foi seleccionado en 38 festivais de 15 países diferentes, posicionándose como unha obra destacada dentro do cinema de xénero underground independente.

Entre os seus logros máis notables, Menú del Día foi elixida entre as catro mellores curtametraxes do festival BUT (B-Movie, Underground & Trash Film Festival) de Bélxica, un dos referentes europeos do cinema extremo, cuxa 20ª edición tivo lugar o pasado mes de agosto. Ademais, recibiu unha Mención do Xurado no Festival de Cinema Fantástico de Sant Boi e foi galardoada o pasado 27 de setembro como Mellor Curto Gore no Trash Basté, certame barcelonés dedicado ao cinema máis bizarro e underground. Unha das realizadoras da curtametraxe recolleu o premio durante o Festival de Sitges, tras unha proxección especial na emblemática King Kong Arena.

A peza, que combina terror e humor negro, nace cun obxectivo claro: reivindicar a produción galega de cinema gore e de terror, dous xéneros tradicionalmente invisibilizados dentro do panorama audiovisual autonómico. “Menú del Día” demostra que Galicia tamén ten voz —e berros— no cinema máis extremo. Cunha estética coidada, efectos prácticos clásicos e unha narrativa que non dá respiro, o curto captou a atención de programadores e público especializado, que o aplauden pola súa irreverencia e polo seu amor polo cinema de culto.

A curtametraxe está realizada por Denim Candenza, pseudónimo tras o que se agochan os vigueses Rubén Di Groovie, realizador e membro de Broken Peach, e Miriam P. Álvarez, subdirectora do GFFF – Galician Freaky Film Festival. Desde o principio, o seu obxectivo con este traballo foi horrorizar e divertir a partes iguais, así como reivindicar e impulsar a visibilidade do cinema de terror e serie B feito en Galicia.

REVISTA NOVEMBRO

Nos últimos días, Menú del Día tivo a súa estrea en Berlín, no Obscura FilmFestival; no Brasil, no Sinistro Film Festival; e pasará por países como Canadá, México, Bélxica ou Bulgaria. Os responsables desta bizarrada esperan que o público galego teña novas oportunidades de vela nos vindeiros meses, tras o seu paso por certames como o GFFF – Galician Freaky Film Festival de Vigo ou o CURTAS Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa.