O concerto da París de Noia e a queima do Meco celebraranse na fin de semana pola chuvia

Debido as incesantes chuvia, o Concello decidiu mover as datas dalgúns eventos que conforman a programación municipal do Entroido. O concerto da París de Noia celebrarase o venres 20 e a queima do Meco o sábado 21, na Porta do Sol.

Meco entroido

A inestabilidade na climatoloxía está a afectar ao desenvolvemento da programación deste Entroido. O tempo solleiro do sábado permitiu que o tradicional desfile de comparsas se puidese celebrar con normalidade, non así outras actividades que foron trasladadas ao edificio do Concello, pospostas ou mesmo canceladas como é o caso da actuación da charanga e o desfile de cabezudos.

Na tarde de hoxe, mércores 18, terá lugar o concurso de disfraces no edificio do concello, pero a queima do meco e as exequias funerarias pasan a celebrarse na tarde do sábado. Concretamente, a programación arrancará ás 18:00 h cun espectáculo de lume, unha hora despois terá lugar a queima do meco e ás 20:00 h celebraránse as exequias funerarias e o posterior desfile–enterro do meco, cun percorrido saínte desde a Porta do Sol, pasando por Príncipe, Colón, Policarpo Sanz e regresando a Porta do Sol. Por último, arredor das 21:00 h, darase a coñecer cal é a comparsa gañadora deste Entroido. O esperado concerto da orquestra París de Noia, tamén foi movido en datas pola chuvia e trasladouse ao venres 20 ás 21:00 h na Porta do Sol.

Quen si sairá esta tarde de mércores é a comparsa decana de Vigo Os Tarteiras que a partir das 18:00 h acomapañarán a súa Santiña do Eucalipto nunha comitiva que partirá desde a Porta do Sol. Se o tempo o permite, esta tarde tamén teremos oportunidade de ver por última vez este Entroido aos merdeiros, que sairán polo Casco Vello a facer trasnadas das súas.

No centro comercial Vialia celébrase esta tarde de mércores unha festa de entroido a partir das 17:30 h en Vigo Exporta pensado para os máis pequenos da casa e o sábado finalizarán as actividades co pasarrúas criaturas de cor a partir das 18:00 h.

A maiores, a Asociación Cultural de Bouzas ten programado para este sábado a VI edición do seu particular enterro da rincha. O velorio comezará ás 17:00 h no palco da música da Alameda de Bouzas e a comitiva sairá ás 17:30 h polas rúas do casco vello cara á praia do Adro, onde darase lectura ao testamento da Rincha e as críticas do ano, para logo dirixirse ao peirao de barcos tradicionais e dar comezo a comitiva marítima. O acto estará acompañado pola Charanga SDK (Sempre de Kachondeo) de Guláns, terra de músicos, e contará, como sempre, coa colaboración da Asociación de Mariñeiros Tradicionais e Artesanais San Miguel de Bouzas.

En Bembrive o sábado ás 17:00 h dará comezo o seu desfile de comparsas e o domingo ás 17:00 h, acollerán un concurso infantil de disfraces e un espectáculo infantil con AnimarT.

Por último o sábado na AVCD de Cabral haberá un baile de máscaras organizado pola Asociación de Mulleres Rosalía de Castro e conta coa participación do grupo de danzas do mundo Monteira e do dúo musical Salsa Costas, que se encargan da animación musical da xornada. Ademais, o programa inclúe un concurso de disfraces con premios para as propostas máis destacadas e diferentes xogos vinculados á temática da celebración.