Me vale madre, unha taquería da nosa terra

Me vale madre é a primeira taquería da vila de Cangas. Unha tapería mexicana, dirixida por xente xove, con decoración colorida e pratos moi saborosos perfectos para compartir con amigos despois dun día de praia.

Cruzamos a ría para visitar Cangas. A vila mariñeira máis que coñecida polas súas paradisíacas praias, ten tamén un animado ambiente nas rúas laberínticas. “Queremos facer comida divertida, que sempre sorprenda”, declara Antía Boubeta, a metade de Me vale madre, a primeira taquería da vila. Proba desta filosofía son os tacos de zorza con San Simón e jalapeño que acaban de aceptarlle a concurso no Campeonato de tacos de España.

XORNADA XUNTA

Este restaurante mexicano abriu na zona vella hai dous meses co propósito de rachar coa hexemonía das tapas tradicionais que había en Cangas e ofrecer pratos novos aos seus habitantes. A carta é curta e promete sorpresas en cada comanda. Están os tacos con productos da terra, como o de polbo, o de lacón con grelos, ou o de churrasco; pero tamén teñen receitas tradicionais da gastronomía mexicana, como a cochinita pibil e a tinga, guisos especiados de porco e polo respectivamente.

Os nachos Me vale madre son un festín obrigatorio, no que guacamole, salsa de queixo, carne, frijoles e jalapeño coroan cada crocante bocado. Son para compartir, porque a ración é moi abundante. Só utilizan tortillas de millo nos tres apartados da carta: tacos, quesadillas e totopos, polo que son un local recomendable para celíacos e teñen moitas opcións vexetarianas e veganas, como o chile sen carne e os tacos de setas.

Non deben pasarse por alto as bebidas entre as que atopamos moitos dos refrescos e cervexas populares no país azteca. E fan micheladas, un cóctel de cervexa cun toque salgado e picante, ben chingonas e refrescantes.

Rúa Santa Baia, 8 | 986 075 267 | @mevalemadre.cangas

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.