Maroon 5 vence á treboada no Gozo Festival

A cuarta edición de O Gozo Festival viviu unha xornada marcada pola choiva, que obrigou a suspender os concertos de Rita Ora e Danny Ocean, pero non conseguiu estragar unha noite que Maroon 5 e Martin Garrix converteron nunha celebración multitudinaria.

Fotos: Lino Escurís

O Gozo Festival chegaba o pasado sábado á súa cuarta edición no Auditorio Monte do Gozo o 11 de xullo. O potente cartel do festival contaba nesta ocasión con Maroon 5 como cabezas de cartel, ademais de Martin Garrix, Danny Ocean, Rita Ora e a galega Miriam Rodríguez. A programación deste ano arrancou o pasado 5 de marzo coas entradas esgotadas para ver a The Kooks en Pelícano, aos que seguiron dous inesquecibles concertos de Tom Jones no Coliseum o 2 de xullo e Garbage en Pelícano o 6 de xullo.

A cita, que conta co apoio de Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco de Concertos do Xacobeo, arrancou coa galega Miriam Rodríguez. Cunha coidada posta en escena, con banda e bailaríns, a artista fixo toda unha demostración de forza sobre o escenario, congregando xa a numeroso público pese a ser o seu concerto a primeira hora da tarde. Visiblemente emocionada por momentos, a artista nacida en Pontedeume xogou en casa e gañou.

Coincidindo co final do seu concerto, chegou a tormenta e comezou a chover. A xente púxose a cuberto onde boamente puido, pero as terribles condicións metereolóxicas non melloraban, e Rita Ora suspendía o seu concerto ao verse afectado o seu equipo pola choiva. O mesmo pasou con Danny Ocean, que tamén suspendeu o seu show. Parecía case imposible remontar, pero logo de case dúas horas de choiva, chegaba a calma e confirmábase que Maroon 5 sairían a tocar segundo o horario inicialmente previsto.

O público volveu mollado, pero con moitas ganas, e Maroon 5 saíron dispostos a remontar o partido. Comezaba a soar de fondo ‘Good Vibrations’ de The Beach Boys e a banda, con máis de 100 millóns de discos vendidos, saía ao escenario interpretando un dos seus temas máis coñecidos, ‘Harder to Breathe’, do seu debut ‘Songs About Jane’. Sen deixar apenas respiro e medindo á perfección a mestura de temas máis recentes e grandes éxitos, non tardaron en caer dous temas tan coreados como ‘This Love’ ou ‘Animals’. Adam Levine percorría o escenario dun lado a outro para facer guiños a todo o público presente, amosando ser un auténtico frontman.

‘Won’t Go Home’, ‘Memories’ e ‘She Will Be Loved’ convertían o Monte do Gozo nunha inmensa marea de luces acendidas de milleiros de móbiles. Faltaba a traca final e chegou con ‘Girls Like You’ e ‘Moves Like Jagger’, cunha entrega total do público bailando e coreando cada verso. Para o bis quedaban ‘Sugar’ e ‘Payphone’, peche de ouro para un concerto cun público e unha banda entregadas ao 100%. Non houbo confeti nin fogos artificiais, pero non se botaron en falta. Gañaron as cancións e un directo sen fisuras.

Chegaba a quenda da música electrónica con Martin Garrix, que repetía en O Gozo Festival despois de formar parte do cartel da primeira edición xunto a Robbie Williams. O dj holandés puxo en marcha un espectáculo visual deslumbrante acompañado por temas tan coñecidos como ‘Scared to Be Lonely’ (aquela mítica canción que cantou Dua Lipa antes de publicar o seu primeiro disco), remixes de ‘Someone You Loved’ de Lewis Capaldi ou ‘One More Time’ de Daft Punk, pasando por ‘Repeat It’, o seu novo tema xunto a Ed Sheeran (quen pasou por O Gozo Festival en 2024).

O Monte do Gozo convertiuse nunha festa que desfrutaron tanto os amantes da música electrónica como os que foron para ver a Maroon 5 e agradeceron un fin de festa á altura. Contra a choiva, o pedrazo e os raios, O Gozo Festival resistiu o temporal e deixou unha nova noite para o recordo, reafirmándose como punto de encontro donde cada temporada teñen cabida algúns dos artistas internacionais máis importantes que chegan á península.