Marlon incorpórase ao cartel da cuarta edición do Recorda Fest

Marlon compartirá escenario na Coruña con Beret, Cali y el Dandee, Juan Magán, La M.O.D.A., Taburete, Hey Kid, Hydn, Inazio, Mafalda Cardenal e Pavlenha. As entradas están á venda en www.recordafest.es.

FAITE AMOVIDALOVER

O cartel do Recorda Fest continúa medrando e esta vez chega cun dos nomes máis recoñecidos da industria musical española actual: Marlon. A banda de pop-rock súmase aos xa confirmados Beret, Cali y el Dandee, Juan Magán, La M.O.D.A., Taburete, Hey Kid, Hydn, Inazio, Mafalda Cardenal e Pavlenha.

Os días 4 e 5 de setembro o festival volverá encher o Muelle de Batería, no Porto da Coruña, cunha programación que contará con grandes bandas do panorama nacional e na que aínda se espera que se engadan outros dous nomes. As entradas están á venda en www.recordafest.es por 60,50 €.

Marlon é unha banda española de pop-rock orixinaria de Asturias coñecido por ofrecer directos enérxicos e con “bo rollo”. O grupo, formado por Adrián Roma, Juan Fernández e Jorge Díez, caracterízase por un estilo melódico e moi accesible que combina pop e rock con letras centradas nas emocións e nas relacións persoais. A súa música destaca por retrousos pegadizos pensados para o directo. Entre os seus temas máis coñecidos atópanse ‘Olvidé Olvidarte’, ‘De Perreo’ e ‘Marzo en Febrero’.