Marisquiño reúne en Vigo á élite mundial dos deportes de acción
Marisquiño celebra a súa XXVI edición do 6 ao 9 de agosto en Vigo cunha programación de acceso gratuíto. O festival reunirá a 1.500 deportistas procedentes de 30 países en oito disciplinas deportivas: Skate, BMX, BMX Flatland, MTB Downtown, Big Air, FMX, Breaking e Basket 3×3, ademais das competicións de Skate e BMX adaptado. Na pasada edición superou os 150.000 asistentes, según datos da organización.

O festival de deportes urbanos confirma algúns dos principais riders que participarán na súa XXVI edición, do 6 ao 9 de agosto, nas competicións de Skate, BMX, BMX Flatland e MTB Downtown, así como nas exhibicións de Big Air e Freestyle Motocross (FMX). Entre os nomes confirmados figuran deportistas olímpicos, campións europeos, gañadores de grandes citas internacionais e o posuidor de distintos récords Guinness, ademais de campións da pasada edición do festival. Varios deles chegan a Vigo tras asinar grandes actuacións esta tempada.
Skate
As probas da World Cup Skateboarding, que se celebran no Marisquiño desde 2014, reunirán en Samil diferentes xeracións da escena internacional. Entre os nomes confirmados destacan o belga Noah de Jaeger, recente gañador da Mystic Sk8 Cup 2026; Danny León, nove veces vencedor no festival; o neerlandés Tijmen Overbeek e o chileno Marcelo Jiménez. Na categoría feminina competirán Abbie Burns, vencedora da World Cup Skateboarding do Marisquiño 2025, e Natalia Muñoz, olímpica en París 2024.
BMX
Na categoría masculina, o vigués Saúl Vilar será a principal referencia local tras proclamarse campión de España de BMX Freestyle Park en 2025. A participación internacional completarase co costarriqueño Álvaro Esquivel, o ecuatoriano Jonathan Camacho e o arxentino Gaspar Guendulain. Entre as mulleres destacan a xaponesa Nene Naito, sexta nos X Games de Salt Lake City 2025 no seu debut, e a vasca Teresa Fernández-Miranda, campioa de España en 2025 e catro veces gañadora no Marisquiño.
BMX Flatland
O BMX Flatland presentará un dos cadros máis sólidos da programación deportiva. O neerlandés Sietse van Berkel regresará como vixente campión de Europa e defensor da súa vitoria no Marisquiño 2025, mentres que o madrileño Varo Hernández, número dous do ranking mundial da UCI e gañador este ano dos Jeux Urbains de Montreal, será un dos seus principais rivais. Completan a representación española Alberto Moya, cuarto no último Europeo, e a catalana Dasha Rabanete, medalla de bronce europea en 2025.
MTB Downtown
Os gañadores do MTB Downtown de 2025 volverán tomar a saída desde a Fortaleza do Castro. O francés Adrien Loron defenderá a súa vitoria tras ser segundo no Red Bull Valparaíso Cerro Abajo 2026, mentres que Sara Yusto, vencedora en Vigo en 2022, 2023 e 2025, regresará como subcampioa de España de Descenso. Tamén competirán a chilena Fernanda Gildemeister e dous riders galegos con títulos nacionais recentes: Héctor Quinteiro, campión da Copa de España de Descenso 2026, e Marco Veiga, dúas veces vencedor do Downtown do Marisquiño. O chileno Bruno Lavagnino completa a nómina destacada.
Big Air
O Big Air reunirá algunhas das principais figuras do BMX e do MTB freestyle internacional. O neozelandés Jed Mildon, autor do récord Guinness de catro backflips nun único salto, encabezará a participación de BMX xunto ao italiano Elia Benetton. No MTB estarán o catalán Bienvenido Aguado, distinguido con tres premios no Red Bull Rampage 2023; o eivisenco Alejandro Bonafé, líder do NIGHT of the JUMPs 2026; e o vigués Miguel Guerrero “Carolo”, gañador no Marisquiño en 2022.
Freestyle Motocross
As exhibicións de Freestyle Motocross contarán con dous grandes referentes dos deportes de acción. Dany Torres, campión do Red Bull X-Fighters World Tour e primeiro gañador do casco dourado do Marisquiño, compartirá protagonismo con Andreu Lacondeguy, gañador do Red Bull Rampage 2014 e actualmente unha das figuras do freestyle motocross.

