Marisquiño desvela a programación musical por días con catro escenarios en Samil
Marisquiño desvelou a distribución por días e escenarios da súa programación musical para 2026. Do xoves 6 ao domingo 9 de agosto, a música desenvolverase en catro espazos do recinto de Samil, cada un cunha identidade propia. A actividade arrancará o xoves pola tarde cun concerto de benvida e continuará desde o mediodía o venres e o sábado, e desde a mañá o domingo, prolongándose ata a noite. Toda a programación será de acceso gratuíto.

Catro días e catro escenarios; esa é a proposta musical do Marisquiño para esta nova edición. O escenario SON Estrella Galicia acollerá os concertos; La Plaza reunirá distintas expresións da cultura DJ e MC; Oasis estará dedicado ao sound system; e Sunset porá música ao Village de Marisquiño. Esta distribución traslada ao recinto a cartografía sonora da cultura urbana proposta polo cartel desta edición.
A programación presentouse este mércores na Cervexaría La Tita Rivera de Vigo, nun acto no que contou cunha actuación da artista viguesa High Paw. «Queremos que a música forme parte da experiencia do festival ao longo de toda a xornada. A programación dálle unha identidade clara a cada escenario e permite ao público explorar propostas moi diversas, desde as primeiras sesións da final de DMC Iberia pola mañá ata os concertos nocturnos», sinalou Carlos Domínguez “Pity”, director do festival.

Escenario SON Estrella Galicia
De venres a domingo, os concertos nocturnos celebraranse no escenario SON Estrella Galicia. O venres actuarán High Paw, Rebeliom do Inframundo e El Virtual. O sábado será a quenda de Nueva Apóstol, VVV [Trippin’ You], Nusar3000 e LG1DO. O domingo subirán ao escenario CANDi, Fresquito y Mango, West Srk e L0rna. O cartel ofrece unha panorámica da diversidade de xéneros que conflúen na música urbana actual.
Escenario La Plaza
La Plaza será un dos novos espazos musicais de Marisquiño 2026 e acollerá boa parte da programación vinculada á cultura DJ e MC. Durante o día, o venres e o sábado celebraranse as batallas de freestyle rap organizadas por Gallos del Norte e Poten100mos. As dúas xornadas reunirán máis de 80 MCs e volverán integrar participantes con discapacidade.
O domingo terá lugar a final de DMC Iberia, que se celebra por primeira vez en Marisquiño. Os vinte DJs seleccionados en España e Portugal competirán nas categorías Scratch, Classic e Open. As persoas gañadoras obterán unha praza para representar a península Ibérica nos DMC World DJ Championships, que se disputarán en novembro en Londres. A xornada combinará competición, demostracións e showcases.
Ao remate da competición, La Plaza dará paso cada noite ás sesións de electrónica, cunha destacada presenza feminina na cabina. O venres actuarán Lkina b2b Natalie, Weisheit b2b Tesa e Klin Klop. O sábado será a quenda de Frau Troffea, Pálida e NOIA. O domingo pecharán a programación Rei Tier, bb.wav b2b Mahia e a lisboeta Violet, responsable do selo Naive Records e cofundadora de Rádio Quântica.
A actividade deste escenario comezará xa o xoves 6 de agosto co concerto de benvida de Marisquiño, a cargo da banda viguesa Monk Blues Band, dirixido nesta edición ao público familiar dentro do programa Marisquiño Kids.
Escenario Oasis
A cultura sound system contará cun espazo propio no escenario Oasis, patrocinado por OCB, cunha programación centrada no reggae, o dub e outros estilos da música xamaicana. O venres actuarán Ital Roots, Chapamama Crew, Nahno Selectah e Píntega Sistema do Son. O sábado será a quenda de Raquel Plata, Double Iago’s, Lu Ko Ala b2b Nahno Selectah e Luv Messenger Sound. O domingo regresará Nahno Selectah, acompañado por Chalart58 & Matah e Píntega.
Escenario Sunset
O escenario Sunset porá música ao Village de Marisquiño de venres a domingo, con sesións desde o mediodía ata a medianoite. A programación estará centrada na escena electrónica viguesa, con artistas como DJ Buzo, DJ Rapante, ANAHÍ, Fermo DJ e Cristian Penelas.
Con esta nova distribución da programación en Samil, a música acompañará o percorrido do público durante toda a xornada, reforzando o seu papel como parte esencial da experiencia do festival. Os horarios completos dos catro días poden consultarse na páxina web de Marisquiño.

