Marina Carpente (Abril): “Mariñán permitiunos profesionalizar e pagar dignamente ao equipo”
No actual panorama da música galega, onde a tradición vive un auxe comercial sen precedentes, o dúo Abril, formado polas viguesas Marina Carpente e Claudia Abril, destaca por unha proposta que combina voz, violín, pandeireta e percusión tradicional no que elas mesmas definen como “unha festa íntima”. As artistas, que contan con formación académica no conservatorio e unha amizade que as une desde a adolescencia, pasaron polas Residencias Mariñán da Deputación da Coruña para dar o salto definitivo cara á profesionalización do seu novo traballo discográfico. A violinista Marina Carpente debulla nesta conversa como o pazo betanceiro se converteu no espazo necesario para conceptualizar a súa música e dar vida ao seu novo disco, Medrar.
Este venres 17 de abril organizan no Nononon.lab de Bouzas unha listenig party (con inscrición previa) e a presentación oficial de Medrar será o 8 de maio na Sala Rebullón, onde as artistas estarán acompañadas por Lontras.

Levades tocando xuntas dende que erades adolescentes. Como se traduce esa relación tan longa na vosa forma de crear e de estar sobre o escenario?
Coñecémonos dende os 16 anos e esa complicidade nótase moito. O que máis nos di a xente que nos ve é que hai unha química moi evidente; ao final pasamos moito tempo xuntas e temos gustos moi similares. Á hora de traballar, todo flúe de xeito moi fácil e cómodo porque nos entendemos perfectamente sen necesidade de moitas explicacións.
Nós sempre dicíamos: “Oxalá ás nosas amigas lles gustase a música tradicional”. Agora, por fin, chegou o momento
Ambas tedes unha formación sólida: ti no violín clásico e folk, e Claudia no piano e a pandeireta. Que vos interesa de transformar o material tradicional en algo actual?
A tradicional é a música coa que levamos traballando moitos anos e coa que máis preto nos sentimos instrumentalmente. Cando empezamos co noso proxecto anterior, con 22 anos, non existía o “boom” que hai agora coa música tradicional. Nós sempre dicíamos: “Oxalá ás nosas amigas lles gustase esta música”. Agora que por fin chegou un momento no que a tradición é case o xénero comercial, o noso interese segue sendo o mesmo: que a música tradicional estea viva. Traela ao presente con novas sonoridades é a mellor forma de mantela vixente.

Para este novo disco fixestes un traballo de investigación moi profundo. Como foi ese proceso de buscar as pezas e as informantes?
Na música tradicional a transmisión é oral e moitas veces o arquivo non está sistematizado. Nós partimos do arquivo da nosa etapa na E-TRAD, pero para este disco quixemos ir máis alá. Preguntamos a moita xente experta que foi super aberta con nós: Leni Pérez, Guillerme Fernández, Xulia Feijóo, Xandre Outeiro ou Xisco Feijóo. Elas axudáronnos a localizar as pezas, a saber quen as cantaba e en que vila se tocaban, porque en moitas ocasións xa tiñamos a melodía, pero faltaba o contexto da informante.
A nosa amizade e a nosa forma de tocar pídennos facer música máis brandiña, máis intimista.
Definides o voso estilo como unha “festa íntima”. Como conviven eses dous conceptos, aparentemente opostos, na vosa música?
Intentamos chegar a esas dúas opcións. Por unha banda, a música tradicional préstase moito á festa, a temas cañeiros e bailables. Pero por outra, a nosa amizade e a nosa forma de tocar tamén nos piden facer música máis brandiña, máis intimista. O noso último videoclip, por exemplo, está gravado nun dormitorio para representar esa nostalxia da infancia e a intimidade da nosa amizade. O disco ten un pouco de todo: temas sociais e momentos de recollemento.


En que punto se atopaba o disco cando chegastes ás Residencias Mariñán e en que conseguistes avanzar alí?
Sabiamos musicalmente que cancións ía conter, pero o resto estaba case todo por facer. Mariñán permitiunos traballar a nivel conceptual: de que queriamos falar, que temática ía ter cada letra e como ía ser o directo. Fixemos as primeiras preproducións e comezamos a compoñer as letras xunto a Petra, partindo de formas tradicionais para construír mensaxes propias. Esa semana rendiunos moitísimo; deixamos todo o armazón do disco pensado.
A axuda permitiunos que toda a xente que traballa con nós levase o diñeiro que merece e non o que se pode pagar habitualmente.
Que vantaxes tivo para vós este parón da vida diaria?
Permitiunos facer un parón total das nosas vidas para estar tranquilas e concentradas. O feito de que che dean de comer e te liberen de todas as tarefas domésticas do día a día fai que gañes moitísimas horas ao día. Pero, sobre todo, Mariñán deunos a oportunidade de xuntar a todo o equipo e traballar presencialmente e non por videochamada: dende o noso produtor, Zalo Rodríguez, ata a xente que leva o vestiario, Marte Martinca, ou as visuais, Avi Miguel, entre outras cousas, porque nos deron os cartos para facelo.
A nivel económico, a residencia permitiunos que toda a xente que traballa con nós, como técnicos, deseñadores, produtores, levase o diñeiro que merece polo seu traballo. Moitas veces, en proxectos independentes, acabas pagando o que podes porque traballas con xente próxima que arrima o hombreiro para que todo saia adiante, pero grazas a esta axuda puidemos retribuír o seu traballo como realmente queremos. Iso tamén é profesionalizar a cultura.

Sentistes algún tipo de limitación creativa ou condicionante por parte da Deputación ao tratarse dun programa institucional?
En absoluto. Déronnos unha liberdade total e tratáronnos xenial. Pedíronnos que dixésemos o que necesitabamos e ninguén puxo trabas ao noso proceso. Ás veces pensas que ao haber política arredor pode haber condicións, pero no noso caso non foi así para nada.
Como valoras a convivencia co resto de residentes?
A convivencia foi un dos puntos fortes. Fixemos moito vínculo cos outros grupos de música, pero tamén coa xente das residencias de pensamento e literatura. Esas conversas nas comidas ábrenche moitas portas e descobres ámbitos que non coñecías. Ademais, contar co asesoramento de Aitana é fundamental; ela axúdanos e aconséllanos dende unha ollada profesional e externa que se agradece moito.
Coa colaboración de:

Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Festival Millo Verde: música, cultura e compromiso comunitario na Praia de Cesantes - 15 Maio, 2026
- O violinista escocés Alasdair Fraser encabeza o Encordass Fiddle Fest - 15 Maio, 2026
- Hard GZ, Golpes Bajos e Killer Barbies, no novo festival de Vigo - 13 Maio, 2026
- Editatona para visibilizar as escritoras galegas - 12 Maio, 2026
- SonRías Baixas publica o cartel por días - 8 Maio, 2026


