VIALIA
bannerPicnicSesions

María Manuela, restaurante para amantes do bo viño

David e Jimena dirixen a tapería, restaurante e vinoteca María Manuela desde 2011. Ampla terraza na Alameda, cociña con produto de primeira calidade e extensa bodega son os tres piares nos que se asenta o éxito e deste negocio.

As 210 referencias que forran as paredes do local avalan a paixón polo viño que ten David Fernández, o propietario desta enoteca e restaurante que dirixe desde hai 11 anos canda a súa muller, Jimena Meije. Na terraza, á sombra da alameda da Praza de Compostela, podemos parar a tomar un aperitivo, compartir unhas tapas ou degustar un bo prato. Se buscamos un ambiente máis tranquilo, a parte de arriba, reservada ao restaurante, será a elección axeitada.

Algunhas das opcións para compartir máis famosas da carta son as elaboracións con atún vermello de almadraba, como o tartar ou o tataki, que levan na minuta desde o primeiro ano; tamén os saquiños de polo e queixo, os lagostinos con xarope cítrico ou as tostas de anchoas de Málaga afumadas no propio local. Se queremos algo máis contundente, David recoméndanos o codillo, o peixe sapo con salsa mariñeira ou as faceiras guisadas. Bo produto cociñado en elaboracións tradicionais actualizadas e con mimo na presentación dos pratos.

REVISTA ABRIL

No relativo aos viños, David é o encargado de guiarnos por unha carta chea de denominacións de orixe galegas, españolas e portuguesas, seleccionando a que mellor se axuste aos nosos gustos e pratos. É un entendido nos viños de toda a Península Ibérica, especialmente do sur, pero recoñece con certa tristura que ao consumidor galego lle custa saír dos viños do país, especialmente cando falamos de brancos. En calquera caso, o enólogo comenta que “orientar na maridaxe está ben, pero o mellor viño será sempre o que lle guste a cada persoa, con independencia do que teña no prato”. E engade: “As persoas que din non saber de viño menten; todos sabemos de viño porque sabemos o que nos gusta, que é o único imprescindible para desfrutar del”.

En canto ao consumo de viño dos vigueses, David recoñece que seguimos a ser unha cidade cervexeira, aínda que cada vez vemos o viño como unha opción máis atractiva. «A gastronomía en xeral está de moda, e iso axuda a que a xente se interese tamén polo viño», explica o hostaleiro, que tamén percibe un interese crecente na xente máis nova, especialmente cando acaban os días de máis calor. «Ao contrario do que moitos pensan, aquí vén xente de todas as idades, ben con coñecementos ou con curiosidade por probar».

Praza de Compostela, 31
986 05 04 24  
Instagram: @mariamanuelavigo
Martes, das 20:30 ás 23:30; mércores a sábado, das 13:00 ás 16:00 h e das 20:30  ás 24:00 h; domingos, das 13:00 ás 16:00 h.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.