Marcos de la Fuente, poeta: «Carlos Oroza deume un camiño que seguir»
Antes de atreverse a facer da poesía a súa profesión, Marcos de la Fuente (Vigo, 1976) foi xogador de baloncesto e tamén fisioterapeuta. Pero en 2020 cruza o charco para ser poeta en Nova York. Alí colabora co Bowery Poetry e, xunto á súa parella, Vanesa Álvarez, dirixe o Festival Kerouac, con sede en Vigo, Cidade de México e Nova York. Entre o 15 e o 18 deste mes celébrase a décimo quinta edición deste evento poético na nosa cidade.

Como chega a ti a poesía?
Sempre estivo aí. Gustoume moito sempre ler, escribir e escoitar música. Quizais cando estaba na universidade en Salamanca e comecei a facer un programa de radio, púxenme a escribir un pouco máis en serio, dunha forma máis regulada, coa intención de transmitirlle algo positivo á xente que o escoitase. Penso que a miña necesidade de escribir vén tamén dunha necesidade de recordar. A escritura é unha forma de recordar as miñas emocións, pensamentos, sentimentos nun momento concreto. Para min a poesía tamén funciona como alarma. Fago de voceiro, de contarlles aos demais esas cousas que quizais xa saben, pero, ás veces, se vén alguén e chas di, es capaz de velas con maior claridade.
Cal dirías que é o tema sobre o que hai que alarmar agora mesmo?
Esta deriva escurantista que está collendo o mundo. Agora, máis que nunca, hai que dicirlle á xente que é o momento de alzar a voz, de tomar posición e de estarmos xuntos. Estabamos ben e esquecemos que as liberdades conquistadas, que esta sociedade que construímos, hai que pelexalas, hai que esforzarse, porque, se non facemos nada, ímolas perder. É máis fácil seguir esa corrente que nos leva a evitar os demais, a sermos autoritarios e agresivos. Eu penso que hai que reaccionar contra iso: hai que comprar no comercio local no canto de facelo en Amazon, hai que deixar de usar Airbnb e Spotify e hai que parar de consumir Coca-Cola e Nestlé porque apoian a guerra. Isto non é doado, pero é o momento de saudar o outro, de pensar de forma colectiva, de vivir en comunidade.
E en que momento decides que a poesía sexa o centro da túa vida?
Ao decidirmos, a miña parella Vanesa e mais eu, virmos vivir a Nova York. Sempre digo que vin a Nova York para ser poeta; de feito, fixen unha canción sobre iso. En Vigo dedicábame a varias cousas e é difícil escapar do que a xente pensa que es. Ademais, en España, cando dis que es poeta, á xente éntralle a risa. En Nova York é moi distinto, porque aquí é máis fácil vivir disto. Podes vivir de escribir, de facer eventos, de dar recitais, de ir ás universidades, de impartir talleres… É certo que hai xente en Galicia que vive traballando da poesía, pero eu viña doutros mundos, non estaba no círculo da literatura, as miñas etiquetas eran outras, e sentín que tiña que liberarme de todo iso para realmente ser o poeta que quería ser.
Moitas veces o público ve a poesía como algo elitista, ao que lle custa achegarse. Como animarías ti a xente a ler ou escoitar poesía?
Ese é un dos meus obxectivos, tamén a través do Festival Kerouac. En realidade, trátase de abrir a mente, facer clic e, de súpeto, decatarse de que a poesía está en todas partes. A poesía é unha actitude fronte á vida, é unha forma de ser. A través do festival, dos eventos, das charlas… sinto que logramos provocar ese clic na cabeza da xente.
Ao ler os teus poemas, dá a sensación de que están concibidos para seren recitados máis que para seren lidos. É así?
Si, a verdade é que o di todo o mundo. Identifícome moito con Carlos Oroza. Recitar paréceme moi liberador, e tamén escoitar poesía me parece que é ata curativo. É moi distinto ao acto íntimo de ler poemas en silencio, para un mesmo, que tamén me parece moi poderoso. Pero si, sen dúbida, a miña poesía é totalmente oral. É liviá, quizais menos densa no seu contido, pero intenta ir máis fondo, ten un impacto maior por ser máis directa.
«Vin a Nova York para poder ser o poeta que quería ser»
Precisamente quería preguntarche que significou para ti Carlos Oroza.
Para min Oroza foi un gran descubrimento. Antes de descubrir a Carlos, eu sentíame moi raro. Primeiro porque era un poeta galego escribindo en castelán, e sentíame en terra de ninguén. E logo porque eu bebía da oralidade, tiña moi presente a Xeración Beat, esa importancia que eles lles daban ao recitado, á musicalidade, á poesía como canto, como un ritual, e non atopaba ningún referente en Galicia e case tampouco en España. Nun recital no Marco descubrín a Oroza, un poeta galego que recitaba en castelán, que nin sequera quería escribir libros, que sabía os poemas de memoria, que era como da Xeración Beat, pero nacera en Lugo. Descubrilo foi moi relaxante porque sentín que non estaba só, sentín que tiña un referente. Carlos deume moita forza, tranquilidade, deume un camiño que seguir. Sempre que o atopaba pola rúa falaba con el, e tamén lle escribín un poema cando morreu.
Como xurdiu o Festival Kerouac?
Vanesa e mais eu rexentabamos La Fiesta de los Maniquíes, na rúa dos Irmandiños, un espazo cultural que abrimos en 2009 coa ilusión de ofrecer un contedor para proxectos artísticos; queriamos que se convertese nun centro de reunión para os artistas de Vigo. Comezamos a facer micros abertos e tamén Se buscan poetas, a serie que estou facendo agora, quince anos despois, no Bowery Poetry de Nova York. Funcionaba ben e decatámonos de que había que facer algo máis grande e traer xente de fóra. Era o ano 2010 e nese momento había só dous ou tres festivais de poesía en toda España. A primeira edición bautizámola como Festival Polipoético de Vigo e, coa intención de facelo máis internacional, na segunda edición xa o chamamos Kerouac e convidamos poetas doutras partes de España e de Portugal.

Sodes unha rara avis, porque na nosa cidade é complicado atopar eventos culturais que aguanten tanto tempo. Cal é o segredo?
Pois que nos gusta moito todo o que facemos e que hai moitas persoas que nos axudan. Tamén porque pensamos que Vigo merece ter este festival e hai moita xente que se achega a darnos as grazas, que se ilusiona con el. Iso e que tampouco hai unha pretensión de convertelo nun negocio, non hai unha intención de vivir deste festival nin de profesionalizalo. Tampouco sei o que vai durar; mentres dean as forzas e mentres a xente veña e se ilusione, aí seguiremos.
Que actuación das que trouxestes ao Kerouac é da que estás máis orgulloso?
Quizais a de Anne Waldman, unha das últimas Beats, que foi amiga de Allen Ginsberg e estivo con Bob Dylan tocando; é historia viva e foi emocionante vela aquí, ilusionada de estar en Vigo e admirada coa cidade. Participou nun recital no Marco no que tamén estaban Olga Novo, a nosa poeta galega, e Graciela Baquero, a poeta viguesa; as tres xuntas ese ano foi incrible.
«A sensibilidade humana non vai poder ser substituída pola tecnoloxía»
Ti combinas moito a música e a poesía. Xerouse moita polémica cando se lle concedeu o Premio Nobel de Literatura a Bob Dylan, que che pareceu?
Penso que foi tirar abaixo un muro. Eu defendo a democratización da poesía e tamén teño moitos detractores por iso. Para min hai que ampliar o concepto do que é poesía e do que é un poeta. Ese Nobel serviu para iso. O poeta, o cantante de hip-hop ou de rap, o cantautor…, para min son formas distintas de poesía. Creo que Dylan é un poeta, foino sempre.
Nesta nova edición do Kerouac vas presentar o teu novo libro, El poeta vs. la máquina. Como xurdiu este proxecto?
Si, é un traballo co que levamos catro anos; é previo a ChatGPT e todo o estalido da intelixencia artificial. Xurdiu arredor dos NFT, da blockchain, cando unha galería de arte vendeu un arquivo dixital por millóns e parecía que ía haber unha gran transformación no mundo da arte. Contactei con Ismael Faro, que é outro vigués que está aquí, en Nova York, traballando como director xefe en IBM, el faloume da intelixencia artificial e comezamos a experimentar. Ismael creou con toda a miña data, os meus poemas e escritos, un xemelgo dixital meu. O que fixemos foi alimentar a máquina cos meus textos e, a partir deles, a máquina creou unhas ilustracións que son as que incluímos no libro acompañando os poemas. Non se trata de que a intelixencia artificial escriba os poemas, iso non nos interesa, trátase de que expanda o traballo do poeta. Penso que o poeta debe ser pioneiro no uso da linguaxe, debe ser pioneiro nos movementos literarios e artísticos.

Hai moitas persoas que ven a intelixencia artificial como unha ameaza para a creación artística. Polo que dis, non compartes esa idea?
Isto pasou en moitas ocasións ao longo da historia: pasou coa imprenta, pasou tamén despois cos ordenadores…, pero en realidade a tecnoloxía o que fai é expandir a nosa conciencia, crear novas formas. O problema non é a tecnoloxía, senón o uso que facemos dela; hai que pór límites, pero é certo que a tecnoloxía vai máis rápido que a regulación. Con todo, estou seguro de que a sensibilidade humana non vai poder ser substituída. Outro tema é como vai afectar todo isto ás nosas cabezas e se nos vai volver máis parvos, porque parece que agora ata precisamos de ChatGPT para facer unha tortilla; pero iso xa vai depender de cadaquén e do esforzo que lles queira pór ás cousas.
Que non podemos perder desta nova edición do Kerouac en Vigo?
Este ano aumentamos a catro días e dedicamos cada un deles a unha cousa distinta. A aposta forte desta edición é a actuación de La Sole e El Hombre Viento, que van estar no Museo Marco o sábado. Vigo vai ser un dos primeiros lugares nos que presenten este proxecto de hip-hop melancólico no que recuperan o legado de Gata Cattana.

Tamara Novoa
Editora
Tamara Novoa
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- O ‘queer’ fala galego - 1 Xuño, 2026
- Nuria Vil: «Segue a existir a narrativa de que as persoas queer somos perigosas» - 1 Xuño, 2026
- A ‘Tertúlia’ de Fillas de Cassandra conquista Pontevedra - 10 Maio, 2026
- Fran Alonso, escritor e editor: «Estamos no fin do modelo capitalista, pero os finais son moi longos» - 28 Abril, 2026
- Anxo Pintos: «Cómpre unha programación municipal que garanta a presenza de grupos galegos» - 1 Abril, 2026




