CASTRELOS 25

Mar, gastronomía, música, deporte e máis, na sexta edición do Vigo SeaFest

Entre o 10 e o 13 de xullo, celébrase a sexta edición do Festival ARVI do Peixe – Vigo SeaFest nos Xardíns de Montero Ríos. O evento, que combina gastronomía de autor, música en directo, deporte náutico e outras actividades, é unha cita imprescindible do verán en Vigo.

Vigo SeaFest 2024 | Cedida

Unha vez máis, Vigo convértese en capital do mar coa celebración do Vigo SeaFest 2025, promovido por ARVI – Cooperativa de Armadores del Puerto de Vigo, que une cultura mariñeira, sostibilidade e gastronomía de vangarda nun evento gratuíto e aberto para todos os públicos. Nesta sexta edición, o festival, consolidado como un referente na axenda estival de Galicia, ofrece unha programación diversa que vai máis alá da desgustación de produtos do mar. Conta con actividades para desfrutar en familia, música, deporte e charlas divulgativas. Podes consultar o programa completo premendo aquí.

Como cada ano, a gastronomía é un dos grandes atractivos do evento. Catorce chefs de renome presentarán propostas innovadoras co peixe como protagonista (en concreto, arredor de sete especies: bacallau, calamar, pescada, peixe espada, peixe sapo, raia e sardiña). Tamén, regresa o Fish & Beer by 1906, un concurso onde o público poderá votar pola súa tapa favorita. Showcookings en directo, talleres infantís de cociña, food trucks e o tradicional ronqueo do atún completan a oferta gastronómica.

Ronqueo do atún | Cedida

Porén, nesta ocasión, a música e o deporte tamén xogan un papel fundamental no Vigo SeaFest. Haberá máis de dez concertos e sesións de DJs e importantes probas deportivas como o VII Torneo Marítimo de Waterpolo, a travesía a nado na Dársena do Real Club Náutico, os bautismos de mar en vela ou o torneo de Basket 3×3.

RIO VERBENA

Todo, baixo un forte compromiso co mar e o seu futuro, poñendo en valor a conexión entre Vigo, o seu porto e o mesmo. A través de charlas divulgativas e demostracións prácticas, o festival aposta pola educación ambiental e a pesca sostible. En definitiva, trátase dunha proposta que combina ocio, divulgación, tradición e modernidade cun obxectivo claro: visibilizar o traballo do sector pesqueiro e celebrar a riqueza do mar galego coa cidadanía.