Manuel Bragado escolle os quince momentos máis relevantes da historia de Vigo
O mestre e editor Manuel Bragado publicou hai unha semana Vigo na liña do tempo (Instituto de Estudios Vigueses), un libro no que continúa o seu coñecido labor divulgativo arredor da nosa historia, desde os tempos prehistóricos ata a actualidade. O subtítulo da obra non deixa moito lugar a dúbidas sobre o seu contido: Cronoloxía, efemérides e bibliografía. Pedímoslle que nos sinale cales son, segundo o seu criterio, os quince momentos máis relevantes da historia de Vigo.

Ano 500 a.C. – Vigo interactúa con outros pobos do Mediterráneo
En 1998 atópanse no castro da illa de Toralla un cipo (unha especia de pedestal fúnebre) e un betilo (pedra sagrada) de orixe púnica, o que testemuña as interaccións culturais con comerciantes procedentes das colonias fenicias mediterráneas. A existencia destes altares abre a posibilidade de que estes navegantes púnicos habitasen os poboados castrexos durante algúns momentos do ano. É o inicio do Vigo portuario.
Ano 25 a.C.- Factorías romanas de salgadura e garum
Segundo o xornalista Jorge Lamas, a industria do garum que facían nas salinas romanas asentadas no Areal pódese considerar como a primeira industria alimenticia da historia de Vigo, que tanto éxito terán nos séculos XIX e XX. O garum era unha salsa fermentada de peixe moi popular na Antiga Roma e noutras culturas mediterráneas. Usábase como condimento principal en moitos dos pratos. O garum aparece frecuentemente nas receitas do gastrónomo romano Marco Gavio Apicio.
Ano 300 d.C. – Estelas funerarias
Atópanse en 1953 nas inmediacións da actual rúa do Areal. Nestas pedras aparecen gravados os nomes dos primeiros migrantes vigueses, se podemos chamalos así: Quinto Ario Mansueto, Valeria Alla e Attila Ammio. Todos eles chegados de Clunia Sulpicia, lugar próximo ao actual Coruña del Conde, na provincia de Burgos. Bragado engade “En Vigo case todos chegamos de fóra, sempre fomos migrantes. Agora é máis habitual nacer e vivir en Vigo, pero é un feito bastante recente”.

Ano 1097 – Primeiro documento onde aparece o nome de Vigo
Este pequeno pergameo manuscrito en latín fala sobre unha contenda entre os veciños de Vigo e os de Canadelo (actualmente nas inmediación do Vialia, mantendo o nome) respecto ás lindes de ambos territorios. É o documento máis antigo dos que se coñecen referido a Vigo, e os protagonistas do litixio levan por nome Afonso Vigoyz e Ramiro Oduariz e Cencoy.
Ano 1230 – Nacemento de Martín Códax
Aínda que non é seguro, 1230 é a data estimada de nacemento do xograr Martín Códax, responsable de que Vigo sexa mencionado, por primeira vez, como un espazo literario. É o que Álvaro Cunqueiro acuñou como “Unha cidade creada por un poeta”. Setenta anos despois dátase o pergamiño Vindel, que contén o texto literario das sete composicións de Códax e a música de seis delas.

Ano 1589 – Cuarta visita do pirata Drake
Despois de fracasar na Coruña e en Lisboa, o famoso pirata inglés Drake aparece na ría de Vigo no mes de xullo con máis de 200 barcos e 7000 soldados. Queiman a igrexa de Bouzas, o convento da Nosa Señora dos Remedios, o mosteiro de San Francisco e a colexiata de Santa María (onde rouban ata as campás), ademias dunhas 260 vivendas. Coa axuda de milicias portuguesas e de Tui a vila de Vigo, que daquelas contaba cunhas 845 familias, logra botar ás tropas de Drake.

Ano 1597 – Primeiro plano do Casco Vello
O enxeñeiro militar italiano Leonardo Turriano é o responsable do primeiro plano esbozo de Vigo, que amosa unha vila que apenas variará en 250 anos. As vivendas aparecen en socalcos en paralelo á ría e destacan as prazas da Constitución (o centro da vila), da Herba e da Leña. Un ano despois da creación deste mapa a peste causará unha elevada mortalidade na vila e a fuxida de gran parte da poboación ao Morrazo e ao Val do Fragoso.

Ano 1702 – Batalla de Rande
Mentres a Frota de Indias e os buques de guerra franceses fondeaban na enseada de San Simón, o 22 de outubro entra polas dúas bocas da ría boa parte da escuadra anglo-holandesa, formada por 49 buques. Bombardean o forte de Vigo, malia non consideralo obxectivo da súa campaña, e dominan as zonas de Teis e Domaio. Ao día seguinte inician un ataque artilleiro que se salda co afundimento da Frota de Indias e a incautación de parte do tesouro que non quedou afundido, uns 4.000.000 de pesos e 13 naves. Esta batalla iniciou a lenda do tesouro de Rande, que tanto interesou ao escritor Jules Verne e a tantos buscatesouros.

Ano 1810 – Declaración como cidade
Empezan a ser palpables as consecuencias políticas da Reconquista. Desaparece o señorío que nos facía depender da mitra compostelá, o que implica que os xuíces e alcaldes locais xa non son elexidos desde Santiago. Vigo recibe, por decreto datado en Cádiz o 10 de abril, o título de Cidade Fiel, Leal e Valerosa. Neste ano tamén xorde un ambicioso plan para instalar unha base naval en Cíes que finalmente non se leva a cabo.
Ano 1875 – Vigo industrial e moderno
Malia que cativa, a representación industrial viguesa faise notar na Exposición Rexional de Galicia, en Santiago. Alí reúnense a fábrica de conservas dos irmáns Curbera, a fábrica de cervexas de Mr. Hyde, a fundición de Antonio Sanjurjo Badía e a fábrica de papel La Cristina, de Norberto Velázquez Coppa. Tamén é neste ano cando se descubren as cantigas medievais de Martín Códax grazas ao traballo do poeta e musicólogo vigués Teodosio Vesteiro Torres, quen se suicidou aos 28 anos en 1876.

Ano 1914 – Creación da empresa de tranvía
O 28 de maio realízase o primeiro traxecto de proba dos tranvías vigueses entre As Travesas e os Caños de Teis. O servizo inaugurouse o 9 de agosto con 17 coches e 7 liñas, cun prezo de cinco céntimos por billete. Coa chegada do alcalde Rafael J. Portanet comeza a fin do tranvía. En 1968 adxudícalle o servizo de transporte á empresa asturiana Vitrasa, malia que Tranvías tiña concesión ata 1975.

Ano 1923 – Fundación do Real Club Celta
O 12 de xuño os socios do vigo Sporting e do Fortuna acordan nunha asamblea a fusión de ambos clubs nun só. O 23 de agosto ten lugar a asamblea constituínte e ten como principal promotor ao xornalista deportivo Manuel de Castro Handicap. Cuns mil socios e 64 xogadores, o Celta A e B xogan un partido en setembro no campo de Coia. Alén do aspecto deportivo, para Bragado este feito histórico é de gran relevancia como “símbolo de modernización dunha cidade que xa quere encabezar o proxecto industrial e político de Galicia. Vai alén da fusión de dous clubs; é a expresión do Vigo moderno e é consustancial ao desenvolvemento dunha cidade obreira”.

Ano 1932 – Plan Palacios
O arquitecto porriñés Antonio Palacios presenta o seu proxecto Plan de Ensanche e Reforma Interior, co que pretende deseñar unha gran cidade atlántica utilizando un criterio de zonificación (dividir a cidade en zonas residenciais, comerciais, industriais, administrativas, etc.). Malia ser aprobado polo Concello en 1934, xurdiron ao seu redor numerosas polémicas por presuntas irregularidades na xestión ou pola ausencia de memoria económica. A partir de 1937 a cidade seguirá medrando seguindo o Plan de Ramiro Pascual, malia non ter sido aprobado.

Ano 1972 – Mobilizacións obreiras
Ao longo de 1972 sucédense numerosas mobilizacións obreiras: o 14 de marzo na Porta do Sol, en solidariedade cos traballadores de Ferrol; en maio comeza o conflito laboral no estaleiro de Barreras pola negación do convenio; en setembro estoupa en Citroën outra batalla en demanda da xornada de 44 horas semanais, reivindicación xa acadada na maioría das grandes empresas. O conflito esténdese a outras fábricas, chegando a participar na folga unhas 35.000 persoas de 30 factorías. Uns 400 traballadores son despedidos e detidos. Para Bragado todo isto é fundamental porque indica que “Vigo é unha cidade industrial: automóbil, construcción naval, industria alimentaria (conservas, conxelado), editorial…

Ano 2024 – Convenio entre Concello e Deputación para construñir a nova bancada de Gol de Balaídos
Pode parecer unha brincadeira, pero para Bragado o feito de que dúas administracións gobernadas por partidos distintos se poñan de acordo é algo histórico no Vigo actual. Esta é, tamén, o último punto da cronoloxía que Bragado recolle ao longo de case 200 páxinas.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- DGO: pendentes de ti - 9 Febreiro, 2026
- Mussa – The Pilates Center: terapeutas do movemento - 9 Febreiro, 2026
- Empezar o ano con bo pé: cinco centros onde coidar o noso corpo - 9 Febreiro, 2026
- Faro Cómics: un novo espazo para a banda deseñada ilumina Camelias - 6 Febreiro, 2026
- Unha vintena de concertos en Vigo neste 2026 - 28 Xaneiro, 2026


