Maná repasa o seu legado imperecedoiro nun Monte do Gozo ateigado
O Monte do Gozo acolleu este sábado 5 un dos concertos máis multitudinarios do ano en Galicia, o de Maná no Gozo Festival. Acompañaron aos mexicanos ao longo da xornada The Darkness, Imelda May e o vigués Pablo Lesuit.

A terceira edición do Gozo Festival, o ciclo de concertos internacionais que se celebra en diferentes cidades de Galicia, festexaba esta fin de semana os seus dous días grandes: o sábado encabezado por Maná e o domingo protagonizado por David Guetta. As portas abriron ás 18:00 e pouco despois abriu a xornada o vigués Pablo Lesuit, que estreaba banda e presentou algúns dos temas que formarán parte do seu novo disco, de carácter máis roqueiro. A súa actuación deu paso á de Imelda May, multiinstrumentista irlandesa que se move á perfección nos sons de raíz norteamericana: blues, soul, folk, rock ou R&B. O seu foi un concerto enérxico, no que brillaron tanto a súa poderosa voz como o bo facer dos seus músicos.
O terceiro concerto da noite, o último previo ao cabeza de cartel, foi o dos británicos The Darkness. Independentemente da calidade das bandas, era difícil non estranarse ante unha programación tan ecléctica tendo en conta cal era a banda protagonista da xornada. Se ben é certo que este tipo de colaxes son moi habituais nos grandes festivais (onde atopas a unha lenda do rock estadounidense actuando xusto antes que un músico de trap español ou un reguetoneiro colombiano), neste caso a combinación Darkness-Maná non parecía callar moi ben.
Con todo, e malia os posibles prexuízos, a actuación de The Darkness foi fresca, divertida e moi contundente. O seu carismático líder Justin Hawkins non parou en todo o concerto, xa sexa facendo bromas, interactuando co público, tocando solos de guitarra incendiarios ou cantando co seu característico falsete. Quizais a súa escolla non fose a máis acaída, pero os irmáns Hawkins e compañía ofreceron un espectáculo de rock do máis desfrutable, que pecharon, como non podía ser doutro xeito, coa famosa ‘I Believe in a Thing Called Love’.

Maná, un cancioneiro imperecedoiro nun concerto mellorable
Arredor das 22:30 h da noite comezaron a desfilar polo escenario os catro membros de Maná e os seus tres músicos de apoio. Arrancaron con ‘Hechicera’, un tema non demasiado famoso do disco Sueños líquidos de 1997. Seguiron co reggae ‘De pies a cabeza’ e co roqueiro ‘Corazón espinado’, co habilidoso Sergio Vallín exercendo de Santana ás seis cordas.
Gosten máis ou menos, é innegable que Maná son unha das bandas de pop rock en castelán máis exitosas dos últimos corenta anos. A súa lista de cancións famosas dá para varios setlists, o que fai que sexa cal sexa a escolla sempre se acabe por botar algún que outro tema en falta. Por suposto, non prescindiron dos seus hits máis soados: ‘Mariposa traicionera’, ‘Te lloré un río’, ‘Oye mi amor’, ‘En el muelle de San Blas’, ‘Labios compartidos’, ‘Rayando el sol’ ou ‘Clavado en un bar’, coa que pecharon tras máis de dúas horas de actuación.

A noite deparou sorpresas, como a colaboración do vigués Carlos Núñez en ‘Vivir sin aire’. Malia non ter ensaiado antes, o experimento saíu máis que correcto. Non tanto o intento de ‘Rianxeira’ perpetrado por Núñez: Vallín estaba máis perdido que un polbo nun garaxe e o público non era quen de seguir esa versión alternativa da canción popular. A incomodidade foi tal que o vocalista Fher Olvera preferiu saír do escenario para non verse salpicado. Os riscos do directo: ás veces saen ben e outras non.
Ese exceso de improvisación tamén se deixou ver noutros momentos do concerto, xa fose en jams ou nos discursos de Fher, que nalgúns casos eran certamente inconexos ou desconcertantes (alguén entendeu o paralelismo entre ‘Eres mi religión’ e o elefante xigante do escenario?). Cómpre recoñecer e gabar, iso si, as palabras que dedicaron a Palestina; unha toma de postura política da que Maná nunca fuxiu e está máis que patente en moitas das súas cancións.
Maná hai xa tempo que deixou de ser, se algunha vez o foi, unha banda anovadora ou arriscada (o tema máis actual que tocaron databa de 2006, hai case vinte anos), polo que estes arrebatos restan máis do que suman. De feito, a gran cantidade de discursos de Fher (moi falangueiro e próximo co plúblico) ou o excesivo solo de batería de Álex González (case todos os solos de batería adoitan selo) cortaron o ritmo dun concerto que foi bo pero que tería sido mellor con máis cancións e menos parafernalia.

Quizais esa preferencia de Fher por falar en lugar de cantar se deba a que a súa voz non é a que era, algo que quedou patente cada vez que o cantante, ao chegar a unha frase máis aguda, decidía ceder o micrófono ao público para que continuasen a canción. Un truco que todos vimos mil e unha veces nos directos, pero que nunca se palpou de xeito tan evidente como onte á noite. Para outro día deixamos os visuais das pantallas, feitos de xeito descarado e sen gusto por unha intelixencia artificial preguiceira, indignos dun grupo da súa altura.
Maná é unha banda que vive por e para a nostalxia, e iso non é algo necesariamente malo cando tes un cancioneiro máis que notable que respalda a túa traxectoria. Poucos grupos de fala hispana poden mirar aos ollos á banda mexicana no tocante a número de hits. Por iso sorprende, nun grupo tan experimentado e cunha idiosincrasia tan pouco dada aos vaivéns, o transcurso algo atrapallado do concerto. Por sorte, sempre nos quedarán as cancións.

Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Sol e música local: novidades musicais viguesas para desfrutar do verán - 16 Xullo, 2025
- A lenda brasileira Toquinho repasou en Vigo sesenta anos de cancións - 11 Xullo, 2025
- Manuel Bragado escolle os quince momentos máis relevantes da historia de Vigo - 7 Xullo, 2025
- Maná repasa o seu legado imperecedoiro nun Monte do Gozo ateigado - 6 Xullo, 2025
- Canto gasta Vigo nos concertos de Castrelos? - 2 Xullo, 2025