Máis dunha ducia de artistas locais participan en Girando Por Salas (e podes votar por eles)

Este mércores 15 abriuse o período de votación popular de Girando Por Salas, unha iniciativa que busca apoiar artistas emerxentes ofrecendo axudas para a celebración de concertos polo resto do Estado. Entre os aspirantes atopamos 52 proxectos galegos e máis dunha ducia de Vigo e arredores.

Desde o mércores 15 e ata o mércores 22 de outubro ás 18:00 h, ábrese a votación popular da edición #GPS16. As persoas interesadas en participar nesta votación para elixir as súas bandas e/ou solistas favoritas poden entrar na web de Girando Por Salas e votar entrando nas fichas das súas opcións preferidas (ata 10 votos por persoa)

Os 20 grupos ou solistas máis votados polo público terán un voto extra que se sumará aos que lles poida conceder o xurado. Se se detecta votación fraudulenta dun artista (robots, correos falsos, etc.), restaranse os votos falsos do total obtido. Os/as 34 artistas seleccionados/as polo voto do xurado máis ese voto adicional do público anunciaranse nesta web o luns 3 de novembro.

De entre os 52 artistas galegos preseleccionados atopamos uns cantos de Vigo e da contorna: Antifrágil, Broken Peach, Carla Lourdes, Lontras, Michu da Rocha, Montedapena, Pablo Lesuit, Pablo Vila y los Tripulantes, Sabela Cereijo, Santi Araújo, Treintañeras Cañeras, Visera, Youcanthide ou Zalomon Grass.

Sobre GPS

O obxectivo de GPS é apoiar artistas emerxentes de todos os estilos, tanto solistas coma bandas, ofrecendo axudas para a celebración de concertos dentro do circuíto de salas en todo o territorio español como fomento da expresión máis viva da música popular. Estes concertos realizaranse fóra da Comunidade Autónoma de residencia de cada artista ou a un mínimo de 300 km dentro da mesma. Con isto quérese potenciar os novos talentos musicais e a súa difusión máis alá do seu ámbito de influencia natural, así como incentivar a súa profesionalización. Así mesmo, os artistas recibirán unha axuda para a produción e promoción discográfica dos seus traballos, potenciando con todo iso a produción discográfica e a estabilidade do circuíto de salas de música en directo.

REVISTA NOVEMBRO

Seleccionaranse 34 artistas (bandas e solistas) de entre todas aquelas solicitudes recibidas que cumpran os requisitos e elaborarase un calendario en coordinación coas salas e os artistas seleccionados, cun mínimo de seis concertos para cada artista, que terán lugar entre o 1 de decembro de 2025 e o 31 de maio de 2026, ambos inclusive. Aos seleccionados outorgaráselles, así mesmo, unha axuda para a Produción e Promoción Discográfica.

Entre as bandas que pasaron por anteriores edicións de Girando Por Salas atópanse: Sidecars, Triángulo de Amor Bizarro, Izal, Viva Suecia, Morgan, La M.O.D.A., Antonio Lizana, Rufus T Firefly, La Bien Querida, Maruja Limón, Varry Brava, Sexy Zebras, Rayden, Carlos Sadness, Miss Caffeina, Cycle, El Kanka, Alice Wonder, Los Estanques, Tu Otra Bonita, Veintiuno, Travis Birds, Izaro, Queralt Lahoz, Nat Simons, Lady Banana, Marilia Monzón, El Nido ou Shego, entre moitas outras.