Máis de oito horas de música: xa coñecemos os horarios do Our Fest
A cuarta edición de OUR FEST terá lugar o sábado 27 de setembro en Expourense, con seis actuacións encadeadas nun único recinto. A curaduría debuxa un percorrido desde a tarde ata a madrugada que transita do punk combativo e o post-hardcore á psicodelia e ao rock eléctrico, e culmina nunha clausura electrónica de culto. Un cartel con bandas de referencia nos seus estilos -Kruder & Dorfmeister, Happy Mondays, Mercury Rev, León Benavente, Viva Belgrado e Dream Nails- que condensa nunha soa xornada diferentes xeracións e escenas. Preme aquí para mercar as túas entradas.

Como cada setembro, Ourense actívase arredor do festival: a hostalaría e o comercio axustan oferta, e o público atopa tamén unha cidade que convida a alongar a fin de semana entre termas, gastronomía e vida cultural. A música funciona aquí como punto de encontro e como escaparate dunha cidade que coida os detalles para acoller unha nova edición dun festival de referencia.
As portas de Expourense abriranse ás 17:00 horas para recibir ás primeiras persoas asistentes. Media hora máis tarde, ás 17:30 horas, Dream Nails inaugurarán o escenario de OUR FEST cun arranque tan luminoso como combativo. O trío londiniense consolidouse como unha das bandas máis relevantes do punk queer e feminista en Europa, reivindicando os concertos como espazos seguros onde se canta, se baila e se comparte desde a primeira fila. Tras o seu debut homónimo e a publicación de Doom Loop, a crítica británica (Kerrang!, NME) situounas como axitadoras necesarias da escena independente. As súas letras incisivas, cargadas de ironía política e humor afiado, entrelázanse cun directo vibrante que converte cada pogo en comunidade. En Ourense, a súa combinación de crudeza e celebración marcará o ton dun festival que comeza con toda a enerxía en alto.
A xornada continuará ás 18:45 horas con Viva Belgrado, que presentará en Expourense o seu novo disco, Cancionero de los cielos (2024), elixido entre os mellores traballos do ano por RockZone. A banda cordobesa, con máis dunha década de traxectoria e xiras por máis de trinta países, soubo transformar o post-hardcore nunha linguaxe propia, cargada de tensión lírica e catarse sonora. O seu directo é unha experiencia de contrastes: do murmurio íntimo ao estoupido abrasivo, con dinámicas que medran en oleadas e desatan un torrente emocional compartido. Con este novo repertorio, que amplía aínda máis as marxes do seu son, chegarán a Expourense nun dos momentos máis sólidos da súa carreira.
O relevo chegará ás 20:15 horas da man de Mercury Rev, que despregarán a súa inconfundible psicodelia expansiva mentres presentan o seu novo traballo discográfico, Born Horses (2024). O grupo de Buffalo, que acadou recoñecemento global con obras mestras como Deserter’s Songs ou All Is Dream, regresa cun álbum no que reforza a súa particular mestura de atmosferas delicadas e arranxos envolventes. Os seus concertos, aclamados por medios como Rolling Stone ou The Guardian, caracterízanse por crescendos orquestrais e un sentido case cinematográfico da emoción. En Ourense, a súa proposta funcionará como unha viaxe inmersiva na que conviven clásicos de culto e novas composicións, abrindo un treito central da xornada que convida a escoitar en grande.
A intensidade acadará o seu punto álxido ás 21:45 horas con León Benavente e o seu rock eléctrico de alto voltaxe. Con máis de dez anos de traxectoria, a banda construíu un cancioneiro imprescindible na música en castelán, sustentado en discos como León Benavente, 2, Vamos a volvernos locos ou ERA. O seu directo é magnético: baixo e batería como columna vertebral, guitarras afiadas e unha voz que sabe xogar entre a crudeza e o baile colectivo. Presentarán en Expourense o seu traballo máis recente, “Nueva sinfonía sobre el caos” (2024), un álbum que condensa a tensión política, a enerxía visceral e a pulsión bailable que caracteriza á banda. Será o momento no que todo o recinto se converta nun coro unánime.
Ás 23:25 horas, Happy Mondays devolverán Ourense ao espírito irreverente do Madchester, o movemento que revolucionou a música británica nos noventa coa súa fusión de rock, funk, psicodelia e cultura de club. Con Shaun Ryder e Bez á fronte, os de Manchester asinaron himnos atemporais como Step On ou Kinky Afro, incluídos no lendario Pills ’n’ Thrills and Bellyaches (1990). O seu directo é pura celebración: descaro, groove e actitude contaxiosa que converten a madrugada nunha festa sen concesións.
E xa ás 00:45 horas, Kruder & Dorfmeister porán o broche de ouro en formato DJ Set, un peche que promete ser de culto. O dúo vienés revolucionou a electrónica de finais dos noventa con The K&D Sessions (1998), álbum considerado referencia absoluta do downtempo e o trip hop, e segue a ser influente pola súa capacidade para transformar a pista de baile nunha paisaxe envolvente. Baixos elásticos, ritmos hipnóticos e texturas atmosféricas constrúen sesións que son tanto viaxe introspectiva como explosión de groove colectivo. A súa actuación en Expourense coroará a cuarta edición de OUR FEST cun final elegante, hipnótico e inesquecible.
Horarios
17:00 h Apertura de portas
17:30 h Dream Nails
18:45 h Viva Belgrado
20:15 h Mercury Rev
21:45 h León Benavente
23:25 h Happy Mondays
00:45 h Kruder & Dorfmeister
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A prohibición dos concertos nos chiringuitos golpea aos músicos locais - 10 Xullo, 2026
- Gudini: pratos de restaurante na túa neveira - 19 Xuño, 2026
- A Selección Galega de Fútbol Gaélico busca apoios para financiar a súa participación nos Xogos Mundiais - 5 Xuño, 2026
- Autobán convoca un premio ao mellor fanzine galego - 3 Xuño, 2026
- Caixiña de Ritmos propón un verán de baile, música e creatividade - 29 Maio, 2026

