Máis de 50 autores de cómic unen as súas forzas cunha antoloxía en apoio a Gaza

PAZ. Antología solidaria por Gaza é o nome do proxecto cultural e solidario no que participan 55 autores e autoras de cómic para alzar a voz fronte unha traxedia que non pode normalizarse. A iniciativa está coordinada polo guionista de cómic residente en Vigo David Braña. Teñen aberta unha campaña de micromecenado cuxos beneficios irán destinados ás ONG Médicos Sin Fronteras y UNRWA.

O mundo do cómic e a ilustración mobilízase ante a crise humanitaria a través de PAZ. Antología solidaria por Gaza, un proxecto colectivo que nace co lema “Palabras e imaxes contra a indiferenza”. Esta iniciativa, que se desenvolve a través dunha campaña de micromecenado en Verkami, reúne a 55 autores e autoras decididos a utilizar a cultura como unha ferramenta de conciencia e denuncia.

O proxecto defínese como un acto cultural e solidario que busca dar visibilidade á catástrofe que sofre a poboación civil en Gaza. A antoloxía fuxe do odio para centrarse na dignidade humana, a resiliencia e a esixencia dunha paz real. A través de diversos estilos e sensibilidades, as páxinas do libro convértense nunha homenaxe a un pobo que se nega a ser borrado. A obra conta, ademais, co testemuño de Salah El Sousi, un hispano-palestino evacuado de Gaza, e un prólogo do reporteiro Marcos Méndez, quen informou sobre o terreo.

Un dos piares fundamentais desta antoloxía é a súa ausencia de ánimo de lucro. Os 55 artistas e a propia editorial cederon o seu traballo de xeito totalmente altruísta. Unha vez cubertos os custos mínimos de produción (impresión e envíos), todo o importe restante doarase integramente ás organizacións Médicos Sen Fronteiras (MSF) e á UNRWA. Ambas entidades destacan pola súa presenza directa e mecanismos de axuda humanitaria contrastados na zona de conflito.

A resposta do público foi inmediata, acadando o obxectivo básico (3000 €) en menos de 24 horas. Actualmente, a campaña continúa aberta para maximizar a recadación destinada ás ONG. Os mecenas poden participar escollendo diversas recompensas, que van desde o exemplar dixital ou físico do libro ata obxectos exclusivos. Entre as opcións máis destacadas para os coleccionistas inclúense páxinas orixinais e ilustracións doadas por artistas participantes, como Iria Aldegunde, Jessica Silván, David Buceta ou Sergio Bleda. A previsión é que os mecenas reciban o libro e as súas recompensas nos seus domicilios en setembro de 2026.