CASAACUNHA

Maika Makovski e Bala, novas confirmacións do Barbeira Season Fest

Xa coñecemos a tres das artistas que se darán cita entre o 31 de agosto e o 4 de setembro en Baiona no Barbeira Season Fest. Á xa coñecida Zahara súmanse dúas propostas máis, cada unha máis cañeira que a anterior: Maika Makovski e Bala. O abono está a un prezo especial de 35€ ata este sábado.

Banner A Movidiña
Anx de Bala durante un concerto no festival Morrasound, en 2021 | P. Vázquez

O Barbeira Season Fest continúa debagando aos poucos o cartel da súa nova edición, coa que pretenden dar un salto de calidade e cantidade respecto aos anos anteriores. Tras a confirmación de Zahara, unha das artistas pop máis respectadas no ámbito estatal, chegan outras dúas artistas ben diferentes pero tamén laureadas nos seus ámbitos. A mallorquina Maika Makovski é compositora, instrumentista e cantante do seu proxecto musical desde 2007, onde abrangue xéneros como o rock, pop ou folk. Tamén liderou o power trío The Mani-las e presentou o programa musical La hora musa. Por outra banda, Bala son un dúo galego de rock duro con tintura de stoner formado por Anx á guitarra e voces e V á batería. O seu son é recoñecido pola súa potencia e polos seus directos vibrantes. O seu último traballo, Maleza, é unha boa mostra desta enerxía.

O director artístico do festival, Pablo Novoa, comenta que “estas dúas novas confirmacións continúan a redondear a programación e o concepto do Barbeira que queremos: un festival pequeno pero poderoso no que a calidade dos artistas conformen un cartel diverso, sorprendente e para distintos tipos de públicos”. Dende a primeira edición, o Barbeira Season Fest asinou un compromiso coa música e a cultura e tamén coa necesidade de impulsar grupos e creadores emerxentes para o que, este ano, segundo apunta, “gardamos unha sorpresa que dará que falar”. Por outra banda, Novoa anuncia tamén que “faremos unha conexión máxica con Portugal traendo propostas do país viciño”, aproveitando o paso do Camiño Xacobeo Portugués por Baiona.

O público que queira asistir ao Barbeira Season Fest pode mercar xa o abono de lanzamento a un prezo de 35€ na súa web, só ata as 23:59 deste mesmo sábado. Ademais, todas as persoas usuarias do Carné Xove poderán mercar as entradas ao Barbeira Season Fest cun 15% de desconto.