Lume de Carozo, un clásico que nunca foi convencional

Lume de Carozo fai 16 anos como un dos referentes gastronómicos do Casco Vello de Vigo. O restaurante, pioneiro na recuperación do barrio histórico e na introdución dunha cociña de fusión con raíz galega e mexicana, consolidou unha oferta baseada en tapas creativas, trato caseiro e unha ampla e coidada bodega.

Cando en 2009 Raquel Ogando e os seus socios, Guillermina Ogando e Juanjo Figueroa, subiron a persiana de Lume de Carozo, o Casco Vello vivía días de pouca luz. As rúas estaban a medio rehabilitar, o ambiente era gris e a oferta gastronómica apenas pasaba dunha caña rápida na praza da Constitución. Mais eles decidiron apostar.

Hoxe, co 16.º aniversario acabado de celebrar, o Lume é xa un clásico vigués. Foron os primeiros en instalarse no corazón histórico e tamén en practicar, sen sabelo, o que máis tarde chamariamos cociña fusión. Antes de que o termo chegase ás cartas, nos fogóns do Lume xa mesturaban sabores con soltura, especialmente mexicanos. Non por tendencia, senón por biografía. Raquel naceu en México e viviu alí ata a adolescencia, polo que esa memoria gustativa do acedo, o picante e os guisos potentes mesturada coas gastronomías galega e mediterránea segue a ser a base da súa cociña.

A carta é de tapas, pero pouco convencional, con menor presenza de pratos fritidos do habitual. «A xente quere comer ben e evitar o exceso», explica Raquel, que está á fronte da cociña. Así, no canto das habituais racións de calamares e pementos, achegan propostas un pouco máis coidadas: alcachofas confeitadas con crema de pementos e chacina crocante, enchiladas en salsa verde coroadas con ensalada fresca ou os seus celebrados croquetóns. O seu compromiso coa verdura é un dos sinais de identidade da cociña. «Temos moi boa horta», insiste Raquel, e por iso o protagonismo non sempre está na proteína animal. Na carta teñen berenxenas asadas en mel e mostaza con burrata e sobrasada vexetal, porros confeitados con salsa romesco e chips de remolacha, as alcachofas que regresan cada tempada e un hummus con tomate seco, queixo feta e cenorias asadas que formaba parte do menú estival e nunca puideron retirar da carta por petición popular.

Outro dos alicerces do Lume de Carozo é o viño. Juanjo Figueroa, sommelier que foi xefe de estudos no Instituto Galego do Viño, leva anos construíndo unha ampla bodega que reivindica as uvas galegas, pero non esquece Portugal, Francia ou mesmo Sudáfrica. Nun momento en que o consumo de viño baixa, eles apostan por dar a coñecer, copa a copa, o traballo dos pequenos elaboradores, por iso ofrecen moitas posibilidades para tomar uns chatos, que van mudando mes a mes e poden consultarse na pizarra.

A sala é cálida: pedra e madeira, que dan a impresión de entrar nunha casa de comidas de toda a vida. De luns a venres ofrecen menú do día a 15,90 €, que inclúe primeiro, segundo, bebida e café e que sempre conta con opcións vexetarianas. Tamén teñen menús para grupos desde 25,00 €. «A idea non é que te sintas como na casa, é que esteas mellor», di Raquel cun sorriso, convencida de que o agarimo que poñen, tanto na cociña como no servizo, é o punto forte do negocio.

Rúa de Joaquín Yáñez, 5 | 986 22 83 46 | @lumedecarozo | lumedecarozo.es

REVISTA NADAL
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.