REVISTA ABRIL

Actividades nos Mercados para promover a compra local

Os Mercados de Vigo acollerán un intenso programa de actividades ata o vindeiro 8 de xuño para promover a compra local e de produtos de calidade. As prazas de Teis, As Travesas, O Calvario, O Progeso, Bouzas e Cabral súmanse á campaña internacional ‘Love your local market’ con exhibicións de cociña, catas, actuacións e visitas escolares.

REVISTA ABRIL

Nunca imaxinaches ver un espectáculo de cabaré mentres estabas a mercar unhas sardiñas a túa peixeira de referencia. Esta é unha das rechamantes actividades que se desenvolverán nos mercados de Vigo con motivo da celebración da campaña Internacional ‘Love Your Local Market’ (‘Ama o teu mercado’). Este evento ten como obxectivo promover as cualidades naturais dos produtos que se poden adquirir nas prazas de abastos, así como dos vínculos entre os mercados, as persoas e a comunidade.

A campaña comezou o xoves, coa celebración do “Mercado da Arte” no mercado do Calvario. Ata o vindeiro día 8 de xuño, os mercados de Teis, As Travesas, O Calvario, O Progreso, Bouzas e Cabral desenvolverán un programa de exhibicións de cociña, degustacións e catas, animacións ‘performance’, espectáculos na rúa, visitas guiadas e obradoiros dirixidos a escolares.

Coa finalidade de mostrar as posibilidades culinarias da excelente materia prima que se vende nas prazas, terán lugar diversas matinés, nas que o público poderá gozar do ambiente dun gastrobar montado para a ocasión; animacións “performance” con música de cabaré; catas de viño showcookings con degustación. O mercado do Progreso acollerá a súa matiné o vindeiro venres, día 25; o do Calvario, o sábado 26; o de Teis, o día 1 de xuño, e o das Travesas, o día 8 de xuño. O sábado día 2 de xuño, ademais, o mercado do Calvario será o escenario dun flashmob onde o público poderá gozar tamén do ambiente festivo mentres realiza as súas compras. Ademais, o día 22, no mercado de Bouzas, e o 29 no de Cabral, terá lugar unha actuación “performance” de dúas horas de duración, entre as 11.30 e as 13.30 horas, en torno á temática do cabaré, na que os actores interactuarán co público.