Love of Lesbian, Siloé e Carlos Ares entres os primeiros artistas confirmados no Río Verbena
O festival Río Verbena celebrará a súa quinta edición os días 21 e 22 de agosto no exterior do Recindo Feiral de Pontevedra con artistas como Love of Lesbian, Siloré ou Carlos Ares.

Pontevedra volverá converterse nunha festa coa quinta edición do Río Verbena que se celebrará os días 21 e 22 de agosto, cun cartel que mestura á perfección nomes consagrados do panorama nacional co talento emerxente que está a marcar a nova escena independente española. Entre os primeiros artistas confirmados destacan Love of Lesbian, unha das bandas máis recoñecidas do indie español, con máis de dúas décadas de traxectoria, unha lexión de seguidores e un repertorio que combina introspección, ironía e emoción a partes iguais. Xunto a eles estarán Siloé, o proxecto liderado por Fito Robles, e unha das propostas máis soadas e seguidas da escena actual. La La Love You, pola súa banda, chegarán a Pontevedra tras consolidarse como unha das formacións máis populares dos últimos anos, grazas á súa mestura de pop enerxético, punk melódico e letras tan vitais como contaxiosas. O cartel complétase con nomes tan diversos como o do galego Carlos Ares, novo compositor e cantautor que destacou polo seu son contemporáneo e a súa sensibilidade artística, representando unha nova xeración de autores con selo propio; ou Sidonie, banda barcelonesa de referencia do pop alternativo español, que continúa reinventándose tras máis de vinte anos sobre os escenarios e que promete un dos directos máis celebrados do festival.
O Río Verbena Fest tamén mira cara ao futuro con proxectos emerxentes que achegan frescura e novas sonoridades. Entre eles, Sanguijuelas do Guadiana, formación que está a dar que falar e espertando interese pola súa proposta de rock alternativo con raíces e influencias contemporáneas; Yoli Saa, artista pontevedresa de pop íntimo e emocional que conquistou ao público coa súa voz cálida e as súas letras honestas; e Luis Fercán quen xoga nas súas cancións coa súa particular mestura de folk e pop de autor. A eles súmase Cora, novo artista da escena galega cun estilo que combina electrónica, pop alternativo e unha potente identidade visual; Los Acebos, formación que aposta por un son de pop rock enérxico con ecos das grandes bandas nacionais; e Señora DJ, encargada de poñer o broche máis festivo cunha sesión ecléctica que fará bailar ao público ata o final de cada xornada.
Os abonos para asistir ao festival poñeranse á venda este mércores 22 de outubro ás 12:00 horas a través da web oficial do festival rioverbena.com.



