Loli Rodríguez: “As mulleres do meu libro pertencen a épocas e a países diferentes, pero todas teñen en común a rebeldía”
Loli Rodríguez vén de publicar Nailía, unha obra coa que gañou o Premio Torrente Ballester de Lingua Galega e que supón unha reivindicación do deretito das mulleres a conquistar a propia liberdade. Nada en Torbeo, Ribas de Sil en 1964, a autora estudou Maxisterio na Universidade de Santiago de Compostela. Abandonou esa profesión para pórse á fronte dunha librería-papelería durante preto de vinte anos, e na actualidade traballa como celadora no hospital do Meixoeiro de Vigo. En 2023 publicou a súa primeira novela, Os nomes de Val.

Que supuxo para ti gañar o Premio Torrente Ballester de Literatura en Galego?
Pois a nivel persoal, ademais dunha absoluta sorpresa, supuxo e supón ter que saír da miña zona segura e enfrontarme con situacións novas, que non controlo. Isto resulta positivo e moi estimulante. A nivel literario, os premios son unha oportunidade para que che publiquen a obra, que non é doado. Tamén unha plataforma para que te coñezan e poder chegar a un público novo. Agora podo acceder a espazos que doutro xeito sería impensable para unha escritora practicamente descoñecida coma min. Certo é que despois tes que defendela. As lectoras e lectores teñen que namorar da túa novela, dos personaxes. Unha promoción salvaxe pode facer que se vendan moitos exemplares dunha novela, pero iso non necesariamente implica que guste. A última palabra sempre a teñen as lectoras.
Nailía é unha obra que conta a historia dunha muller que podería representar case que a calquera nai ou avoa. Como e por que decidiches escribila? De onde xurdiu a idea?
Xurdiu coma unha homenaxe á miña propia Nailía e outras moitas mulleres que coñecín ao longo da vida. Nailía é unha muller común, coma tantas da súa xeración. É nai, avoa, coidadora; traballa no campo, emigra, regresa para coidar da familia en solitario, porque o home continúa fóra. E todo o fai sen pórse en valor. Nin ela nin a sociedade, porque por moito que traballes, se non tras diñeiro, non se che recoñece. E isto segue sendo así. Tamén quería mostrar a súa evolución no tempo, o seu crecemento persoal. A resiliencia e a capacidade de superación, que a levan, por exemplo, a gozar da lectura, ou abrirse a novas experiencias.
Por moito que traballes, se non tras diñeiro, non se che recoñece. E isto segue sendo así.
Falas da liberdade das mulleres e do moito que custa exercela, e para iso rodeas a Nailía doutras personaxes. Podes falarnos un pouco delas e do peso na historia?
Nailía é o fío condutor que nos leva a outros moitos personaxes, maioritariamente femininos, mais tamén hai homes cun peso moi importante na historia. Está Candela, Sara e Xulia, as súas fillas, con personalidades e traxectorias moi dispares, como adoita ocorrer na realidade. As tres, por diferentes motivos, chegan a un punto no que se cuestionan as súas vidas e se preguntan se os esforzos pagaron a pena, se están onde queren estar. Ademais delas, tamén está Simple, a amiga de Lía; Edana, a neta; Mariola, a nora; Soledad, María…mulleres que pertencen a épocas, incluso a países diferentes, pero todas elas teñen algo en común: a rebeldía, a non aceptación do imposto, do irreversible. Aceptan o que lles tocou vivir, pero non se resignan e tratan de cambialo. De superarse.

A emigración está tamén moi presente e ese rural ás veces esquecido ao que ti tratas con moito agarimo e comprensión creando todo un universo moi máxico pero real á vez. Como combinas todo iso á hora da escrita?
A emigración estaba presente na primeira novela e volve estar nesta. Pero é que sendo galega é imposible non tratala. O meu avó emigrou a Arxentina e a Cuba. Os meus pais, a Alemaña. Eu nacín en Torbeo, unha aldea de montaña, aínda que marchei de moi pequena para Monforte. Imposible non volcar todo iso cando escribes, ese pouso diferenciador que nos queda aos de aldea: refráns, ditos, xiros, retranca. E todo iso reflíctese dun xeito moito máis acusado cando escribo.
Nailía é unha personaxe forte, valente, loitadora, viva a pesar de todo, e moi positiva con esas mensaxes que nos fan tanto ben escoitar nos momentos complexos. A min encantoume coñecela. Como foi para ti creala?
Uf, foi moi liberador, pero tamén moi difícil. É un personaxe que estaba aí, agochado, e que necesitaba que vise a luz. Desprenderme dela. Teño que recoñecer que foi o máis difícil que todos cantos creei. Porque quería atopar o ton axeitado. Non quería presentar unha muller perfecta, vítima ou idealizada, senón alguén real, cos seus erros, as súas calidades e os seus defectos. De feito, a súa filla Xulia dálle moita caña: quere que se rebele, que dea un golpe na mesa. E vaino facer, pero cando está preparada para elo.
Non quería presentar unha muller perfecta, vítima ou idealizada, senón alguén real, cos seus erros, as súas calidades e os seus defectos.
O libro está construído coma unha especie de longa carta a Ricardo, un amor da xuventude desta Nailía. Podes falarnos algo del e do seu papel nesta historia?
Ricardo é un supervivente, un neno de aldea, pobre, marxinado, fillo de solteira, que ten que coidar da súa nai dende ben pequeno porque ela é a “borracha e puta” da aldea. Ricardo está secretamente namorado de Lía, e este amor adolescente e idealizado é o que lle dá o pulo para querer superarse. Emigra para ter a oportunidade dun futuro xuntos. Pero xa se sabe que a vida xoga con nós. Para Lía, Ricardo vai ser o recordo dun mundo pasado, cando ela era feliz e se sentía protexida. A el se dirixe, nunha longa carta coma ti dis, para desafogar, aínda sabendo que el non a vai ler. Non sabemos se a vida os volverá a unir ou non… Haberá que ler a novela.
Hai todo un universo familiar e social ao redor de Nailía. Podes falarnos del e de todo o que está detrás?
Lía é, como dixen, o fío condutor, o eixe vertebrador que guía ao lector a través de diferentes personaxes, pero tamén nos fai un percorrido histórico. Podemos ver ese paso da ditadura á democracia e como cambian as leis (o divorcio, o matrimonio entres parellas do mesmo sexo…). Tamén, como evoluciona a sociedade no tratamento de temas controvertidos, coma a homosexualidade, o machismo, os fillos ilexítimos, as nais solteiras, antano tan estigmatizadas. Como evolucionan como persoas, e como evolucionamos, afortunadamente, como sociedade. E iso a pesar de todas as ameazas que ultimamente nolo fan cuestionar todo de novo.

Na presentación do libro na pasada Culturgal declaraches que agora por fin estabas preparada para escribir esta historia. Por que agora? Queres dicir que o bosquexo inicial estivo nun caixón ata que o recuperaches pasado o tempo?
Efectivamente, así foi. Comecei a escribila hai preto de vinte anos, e quedou no esquecemento. Despois de publicar Os nomes de Val, a miña primeira novela, atopeina, literalmente por casualidade. Era apenas un bosquexo, pero tiven claro que tiña que escribila. E fíxeno sen pausa, dun tirón. E penso que este era o momento e non aquel, porque pola miña idade actual podo entender mellor a Lía. Agora son eu coidadora, e ao longo destes anos pasei situacións durísimas, así que a perspectiva é moito máis ampla, máis profunda. Hai veces que a vida se detén, se previo aviso, pero de aí aprendes moito. Aprendes que, se volve pórse en marcha, tes que botarlle valor e perseguir os teus soños. É o que fixo Lía e o que tratei de facer eu. A unha idade na que, supostamente, xa están para recoller, pois eu atrevinme a sementar, a crear, a publicar, a presentarme a un concurso. E Lía atreveuse a aprender a ler, a bailar, a viaxar, e ata darlle unha oportunidade ao amor.
Aprendes que, se a vida volve pórse en marcha, tes que botarlle valor e perseguir os teus soños
Na túa biografía dise que es unha persoa moi poliédrica. Estudaches maxisterio, tiveches unha libraría e agora traballas no hospital Meixoeiro. De que forma, se é que a hai, te nutren todas estas experiencias á hora de crear?
O feito de estar toda a vida cara ao público, e despois, ademais, en contacto coa parte máis dura da vida, que é a enfermidade e a morte, está claro que che aporta unha visión diferente. Eu sempre digo que non é o mesmo traballar nunha gardería con nenas e nenos que están comezando a vida, que traballar nun xeriátrico, con xente que está rematándoa. Desenvolves unha capacidade de observación, de anticipación do que as persoas necesitan. Iso sérveche á hora de escribir, de crear personaxes. Para min é importante, non tanto as accións en si, senón o que te leva a actuar dun xeito concreto. Tratar de amosar a psicoloxía dos personaxes, ese mundo interior tan rico e ás veces tan complexo.
Como está sendo a acollida do libro nestes poucos meses de vida? Que che está dicindo a xente?
Pois marabillosa. Houbo unha reimpresión antes do nadal, cando levaba pouco máis dun mes nas librarías. Así que estou feliz. Tería que recoller todas as impresións das lectoras e lectores, porque non poden ser máis fermoso e gratificante. Que che digan que se emocionaron coa túa novela, que se senten identificados con algún personaxe, ou que Nailía lles recorda a avoa, a nai… é incrible. Tamén que é moi realista, moi de verdade, ou que trata temas moi duros, e situacións moi fortes, pero con moita delicadeza: a sexualidade, digamos, non convencional, a saúde mental, o acoso, o abuso no seno da familia… En fin, que non podo estar máis satisfeita e máis agradecida. Pero a Nailía aínda lle queda un longo percorrido: presentacións, clubes de lectura… iremos amodiño, pero espero chegar a máis lugares e a máis persoas, se as lectoras e os lectores queren, por suposto.

Que supón para ti escribir? E que les nos teus anacos libres?
Escribir para min é unha pulsión, unha necesidade vital. Unha marabillosa maneira de desconectar do mundo, de conectar comigo, de evadirme, de baleirar a miña mente de todos os problemas, de todos os agobios. É a mellor menciña. O problema é a falta de tempo. Resulta moi difícil conciliar: o traballo, a casa, o coidado dunha persoa maior, as presentacións, as redes sociais… Por desgraza, nestes momentos non teño moito tempo para ler. O pouco do que dispoño aproveito para escribir. Aínda así, trato de estar un pouco ao día do que se publica en galego. E tamén leo o que me recomenda o meu amigo Flaminio, que ademais de bo escritor é un gran lector. O último que lin foi Del color de la leche, de Nell Blyshon e A lei do mar de Manuel Esteban, moi recomendables ámbolos dous.
Escribir para min é unha pulsión, unha necesidade vital. É a mellor menciña.
Que outros proxectos literarios pululan pola túa cabeza?
Pois xa estou inmersa noutra aventura, que me ten moi ilusionada, case obsesionada haha. Por iso che dicía, que todo o tempo que teño libre aprovéitoo para escribir. É unha novela que non ten nada que ver coas anteriores, en canto á temática. Está presente, iso si, o tema recorrente da complexidade das relacións familiares. Hai un gran misterio que desentrañar, e aborda un tema moi delicado, que espero saber tratalo co coidado que se merece. E ata aquí podo contar…
Como ves o estado da literatura galega?
Creo que goza de moi boa saúde. O “noir” galego segue e seguirá en auxe, porque é un tipo de literatura moi demandada. Hai todo un elenco de escritoras e escritores cunha grandísima proxección nacional e internacional, e non digo nomes, porque son de sobra coñecidos. E inclúese a narrativa xuvenil, que é incrible o que se está a facer, a poesía, etc… Agradezo moito cando chega ás miñas mans unha novela intimista, que me conmove e me sorprende, e ultimamente ocorreume con varias novelas escritas en galego.
Tensi Gesteira @lecturafilia

