Lola Herrera, David Amor, Carlos Núñez e Abraham Cupeiro despiden o ano no teatro García Barbón
Un total de 12 espectáculos distribuídos en 17 funcións. Esa é a proposta do Teatro García Barbón para o mes de decembro. A Orquestra Clásica de Vigo despedirá a programación neste 2025 co seu habitual Concerto de Nadal. Sobre o escenario pasaranse tamén neste decembro Carlos Núñez e Abraham Cupeiro, cada un deles con dúas actuacións. A quinta entrega da comedia teatral Esfínter, moi celebrada polo público, tamén regresa ao cartel como unha das propostas nos últimos días do ano. Entradas á venda en ataquilla.

A programación de decembro arranca o mércores día 3 ás 19:00 h cun espectáculo musical. Trátase de SuperArte e está considerado o espectáculo inclusivo máis importante de Europa. Ten como obxectivo visibilizar o talento artístico de persoas con discapacidade e demostrar que a arte pode ser un motor de cambio social e unha ferramenta para a transformación e a integración. Máis de 80 artistas con e sen discapacidade participan nas xiras de SuperArte, repletas de espectáculo, música e danza.
As seguintes citas coa música serán os días 11, 12, 13 de decembro. O día 11 ás 20 horas, a Orquestra Sinfónica de Galicia dará o seu último concerto do ano en Vigo. Será, ademais, a última das sesións da Tempada de Abonos de Clásica neste 2025. Interpretarán a Sinfonía número 5 en si bemol maior de Anton Bruckner. Levará a batuta a directora finlandesa Eva Ollikainen. Os días 12 e 13 será tempo da Coral Casablanca. Primeiro, o día 12, ás 20:30 horas, os coros filiais da entidade viguesa darán o seu concerto de Nadal no «Memorial Lola Castro». Xa o 13, e tamén ás 20:30, será a propia Coral Casablanca a que brinde á cidade o seu tradicional concerto do Nadal, que neste 2025 alcanza a súa sesaxésima oitava edición.
Teatro e maxia
Co último mes do ano chega tamén a última das propostas do programa de Abonos de Teatro . O día 10 de decembro, ás 20:30 horas, as actrices Lola Herrera e Natalia Dicenta, acompañadas de Carlos Olalla, subiranse ao escenario do Teatro García Barbón para interpretar Camino a la Meca, unha obra escrita polo dramaturgo surafricano Athol Fugard que expón unha profunda reflexión sobre o illamento, a loita interna e o conflito entre conformarse coas expectativas da sociedade ou seguir os propios soños e desexos. A programación teatral do mes completarana o 27 de decembro, en dobre función, os actores David Amor, Rober Bodega e Javier Veiga con Esfínter 5. As funcións serán ás 18:30 horas e ás 21 horas.
A maxia e o ilusionismo chegan con dúas propostas en diferentes semanas do mes. E en ambos os casos, en dobre sesión, ás 18 horas e ás 20:30 horas. O domingo 14 preséntase o show de maxia, música e danza Reinventio. No espectáculo, o público é convidado a mergullarse nun universo onírico no que a realidade se desdobra en aparicións e desaparicións imposibles e hai levitacións que desafían a gravidade ou actos de circo que cortan a respiración. Xa o venres 26 de decembro, o teatro da Obra Social de ABANCA en Vigo acolle a novena edición do «Galicia Magic Fest». Participan os ilusionistas Stuart McDonald (EE.UU.), Juliana Cheng (Canadá-China), Mirko Callaci (Arxentina), Julius Frack (Alemaña) e o director do evento, o ilusionista pontevedrés Pedro Volta.
Un Nadal moi musical
O cantante Rafa Sánchez, coñecido pola súa longa traxectoria á fronte do grupo La Unión, chega ao teatro vigués o 19 de decembro para presentar o seu espectáculo Biografía. Sánchez fará un percorrido cronolóxico polas cancións máis icónicas da Unión.
Un día despois, será o compositor e instrumentista Abraham Cupeiro quen se suba ao escenario. Presenta Loira, o seu novo álbum. Farao en tripla sesión os días 20 e 21 de decembro. Abraham Cupeiro participa desde hai anos na programación do teatro. E tamén o fai Carlos Núñez. Nas noites previas á de Noiteboa, os días 22 e 23, o músico vigués comparecerá diante do público para propoñer un concerto emotivo e sorprendente.
A Orquestra Clásica de Vigo será a encargada de despedir o ano o 30 de decembro. No «Concerto Extraordinario de Nadal» da formación musical viguesa, que estará acompañada pola pianista Aida Saco Beiroa, interpretarán o Concerto para piano en sol maior, M.83, de M. Ravel. Completa o programan un clásico occidental do Nadal: a Suite do Crebanoces, de Chaikovsky. Cando soen os seus últimos compases, terminará tamén a programación do Teatro García Barbón en 2025.



