CASAACUNHA

Literatura onírica

Se hai un lugar colorido e abraiante para a rapazada nesta cidade da oliveira que ás veces tende ao agrisado é Libros para Soñar, na zona vella. Estou certa de que o principiño de Antoine de Saint-Exupéry pasa algunha que outra noite agochado aquí, navegando este océano de ilustracións e verbas cheas de emocións, aventuras, ideais e sentimentos. Aquí cultívanse mentes con criterio literario. As traballadoras Sandra e Carmela poñen moito coidado en que entre os andeis só se sitúen aquelas obras á altura da infancia.

Banner A Movidiña

Por suposto que a maxia deste espazo literario vai moito máis alá. Naceu hai 20 anos como punto de contacto da editorial Kalandraka e, alén de ser un dos maiores fondos editoriais de libro ilustrado do país, a programación de actividades que ofrece constitúe unha oda ao entretemento e á imaxinación, un canto á esencia da crianza e unha declaración de amor por eses cerebriños en desenvolvemento que devecen pola cor, os contos e as aventuras. En definitiva, unha entrega aos ollos ben abertos pola expectación e aos sorrisos de pracer da audiencia. Ademais de manter unha relación estreita coa comunidade educativa.

Non hai ledicia máis grande que a volta da programación neste mes de outono, que goza por segundo ano consecutivo dunha partida orzamentaria da Xunta de Galicia. Actividades para bebés ata os 3 anos, contacontos, exposicións, sinaturas, obradoiros… O coronavirus reduciu o aforo, así que cómpre prestar moita atención aos anuncios nas redes sociais, porque as prazas para asistir sempre se esgotan a fume de carozo.

Triunfo, 1
librosparasonhar.wordpress.com
lps@kalandraka.com
986 43 37 68
@librosparasonar_lps

The following two tabs change content below.

Maruxa Gesto

Últimos posts de Maruxa Gesto (ver todos)