Lara Dopazo, Manolo González e Carballo Interplay entre os dez gañadores dos Premios da Crítica de Galicia

Lara Dopazo, grupo CINTEXC, Xosé Miguel Andrade, Apego, Cuarteto Quiroga, Chus Martínez, Teatro de Ningures, Manolo González, CIFP Carlos Oroza e Carballo Interplay reciben os Premios da Crítica de Galicia.

O sábado 18 de outubro no Auditorio da Sede Afundación celebrouse a 48ª edición dos Premios da Crítica de Galicia, impulsados en 1978 por Bieito Ledo para recoñecer a excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia. Baixo o lema «A tradición é a alma eterna de Galiza» de Castelao, xuntáronse trescentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país. Conducido por Roberto Pascual no transcurso do acto foi homenaxeado Luis Suárez Marconi, primeiro secretario dos Premios da crítica de Galicia.

REVISTA NOVEMBRO

‘Contos gringos’ de Lara Dopazo alzouse co Premio de Creación Literaria o xurado salientou “o estilo e a intensidade das
voces que se individualizan en cada relato para caracterizar os distintos personaxes. Con gran pulso narrativo”. No ámbito da Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, o premio recaeu en Xose Miguel Andrade e o seu traballo ‘As peregrinacións a Compostela’, unha obra que en palabras do xurado “aborda o tema do fenómeno das peregrinacións, os seus tópicos e a súa materialización contemporánea no Xacobeo e que resulta operativa para analizar as políticas culturais que se aplican en Galicia arestora”. Pola banda da Investigación en Ciencias e Tecnoloxía a iniciativa galardoada foi unha investigación no eixo da enxeñaría civil e as tecnoloxías aplicadas do grupo CINTECX da UVigo. O Programa Apego recibiu o premio de Iniciativas Culturais e Científicas “unha iniciativa que neste momento de emerxencia lingüística potencia a inmersión no idioma propio dos núcleos familiares, dotándoos de ferramentas e recursos para a mantenza e consolidación do proceso de transmisión do galego”. A proposta musical premiada foi Cuarteto Quiroga de quen “se valorou a calidade musical e que o seu fundador o galego Cibrán Sierra, fai gala de galeguidade por todo o mundo, dada a proxección internacional do cuarteto”. Chus Martínez recibiu o premio de Artes Plásticas polo seu labor como comisaria da exposición ‘A Era das Fábulas, instalada no Museo de Pontevedra entre xullo e setembro de 2024. O galardón de Artes Escénicas foi para ‘As gardiás’ de Teatro de Ningures; o xurado salientou a dilatada traxectoria profesional desta compañía, non só polos trinta espectáculos creados senón tamén por impulsar o teatro comunitario. Manolo González foi premiado na categoría Cine e Artes Audiovisuais, o xurado salientou a súa condición de figura clave sen a cal non é posible comprender o audiovisual galego na súa dimensión histórica e na súa eclosión actual. Na categoría Cultura Gastronómica recoñeceuse o traballo do CIFP Carlos Oroza, en palabras do xurado, “O centro destaca polo seu compromiso social, participando en numerosas iniciativas, así como a vontade en recuperar o patrimonio cultural e gastronómico no tempo”. Por último, o festival Carballo Interplay recibu o premio de Cultura Dixital por “ser un auténtico viveiro para a creación dixital galega e en galego”.