L’Agosto, o festival que se celebra nunha cidade Patrimonio da Humanidade a só hora e media de Vigo
O festival celebrarase o 1 e 2 de agosto nos xardíns do Museo Alberto Sampaio, en pleno centro histórico de Guimarães, unha cidade con encanto medieval declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. O cartel reunirá a oito artistas de Portugal, Alemaña e Australia, con propostas que van do jazz máis lírico ao techno atmosférico, pasando por noise, fado experimental, psicodelia electrónica ou rock instrumental. Preme aquí para mercar o teu abono.

Guimarães non é só o lugar onde naceu Portugal. É tamén unha cidade que soubo preservar a súa historia sen renunciar ao presente. Nas súas rúas empedradas conviven mosteiros, centros de creación, arte pública e algúns dos recintos patrimoniais máis singulares do país. Un deles, os xardíns do Museo Alberto Sampaio, acollerán os días 1 e 2 de agosto unha nova edición do Festival L’Agosto, que regresa este verán cunha programación sonora rigorosa, plural e sen etiquetas.
Máis que unha cita musical, L’Agosto propón un modo distinto de habitar un festival: con tempo, con escoita, con contexto. Entre murallas medievais e ao descuberto, o evento converte durante dous días o centro histórico de Guimarães-Patrimonio da Humanidade pola UNESCO- nun espazo de afinidades artísticas. A súa proximidade a Galicia -a menos de dúas horas de Vigo, Santiago ou Ourense- e a súa formulación a escala reducida convérteno nunha escapada estival cada vez máis presente entre o público galego.
A edición de 2025 reunirá a oito artistas que representan distintas derivas da música contemporánea. O venres 1 de agosto, o escenario recibirá a André Henriques, referente da nova canción portuguesa, que presentará “Leveza”; Filipe Sambado, cunha proposta en formato íntimo derivada do seu último traballo; o dúo australiano Party Dozen, que empasta punk, jazz e ruído cunha intensidade pouco frecuente; e RIOT, figura clave da electrónica portuguesa, coñecido pola súa traxectoria en Buraka Som Sistema e a súa exploración actual de ritmos híbridos.

O sábado 2 será a quenda do contrabaixista Carlos Bica, un dos nomes esenciais do jazz europeo, que presentará o seu novo disco acompañado por unha formación nacional; Club Makumba, cuarteto instrumental de enorme potencia escénica, onde conviven a psicodelia, o ritmo e a tradición mediterránea; Evols, banda de culto na escena psicodélica portuguesa, recoñecida polos seus directos hipnóticos e colaboracións visuais; e Fejká, produtor alemán que funde ambient, techno e sensibilidade melódica nun directo delicado e cinematográfico.
L’Agosto apártase dos modelos convencionais sen necesidade de subliñalo. A súa escala é deliberada, a súa proposta é precisa e a súa identidade constrúese desde a coherencia, non desde a cantidade. Concertos sen solapes, público atento, contornas coidadas. Cada edición suma novas complicidades, tamén desde Galicia, onde o festival foi tecendo vínculos cunha comunidade que cruza a fronteira buscando exactamente iso: outra forma de estar, de escoitar e de celebrar.
Os abonos para os dous días están xa dispoñibles a través de festivallagosto.bol.pt a un prezo de 25 € (+ gastos de xestión), con opción de entrada de día por 15 € (+ gastos de xestión).