REVISTA ABRIL

Ladilla Rusa: “Fixámonos en xente que rompeu moldes e abriu camiño para novos artistas”

Ladilla Rusa é un grupo electropop que naceu entre Tania Lozano e Víctor F. Clares, dous xornalistas que levan sendo amigos desde o instituto. Con temas como Bebo (de bar en peor) ou Todos los días lo mismo que acaba de estrear videoclip, o grupo leva desde 2017 dando guerra e creando verdadeiros espectáculos nos seus concertos. Esta semana tivemos a sorte de poder falar con eles na Península de Santa Marta, onde estarán en concerto no Barbeira Season Fest este agosto.

Ladilla Rusa na península de Santa Marta, Baiona | Eva Fernández

As súas cancións non deixan a ninguén indiferente, colocando o humor e a crítica como piares dos temas, pero tamén facendo xogos de palabras que inclúen a cultura ‘meme’ actual. “Compoñer con gancho ten o seu misterio. Desde que nos coñecemos tivemos algo especial, sempre facendo rimas e xogando co enxeño.”, comenta Víctor  F. “Nós imos darnos valor. Temos o don da bobada, que non o ten todo o mundo. Aproveitamos a nosa creatividade innata facendo cancións”, engade Tania Lozano. Entre os seus temas é fácil atopar chiscadelas e referencias a cantantes pasados, como é o caso de ‘Bebo (de bar en peor)’ e a recentemente falecida  Raffaella Carrà, artistas dos que bebe Ladilla Rusa para crear a súa propia desenvoltura. “Raffaella é un referente total de pisar o escenario con forza e ganas de ser rompedora. Nós fixámonos en xente parecida a ela, como o carácter de Lola Flores e Iggy Pop. Xente que rompeu moldes e abriu camiño para os posteriores artistas”.

A día de hoxe contan con máis de 150.000 oíntes mensuais en Spotify e superan os 15 millóns de visitas entre as súas cancións máis populares en Youtube. “‘KITT y los coches del pasado‘ é unha canción que se pode escoitar en calquera momento, é un clásico moderno. Os nosos temas teñen varias lecturas, varias capas cheas de referencias. Hai persoas que as entenden e as que non, pero a graza está en que o denominador común é o humor que todo o mundo pode captar.” Sen dúbida, o grupo conseguiu unha importante fama no panorama musical español en tan só catro anos de carreira e un inicio como unha simple broma entre dous amigos “Para o pouco tempo que levamos hai moita xente que fala de nós de maneira seria. Uníronse moitos elementos para que nacésemos nunha época na que hai moitos grupos parecidos que se lembrarán dentro duns anos, como Ojete Calor ou Las  Bistecs”. 

Ambos os artistas comezaron a súa carreira profesional como xornalistas, que lles axudou á hora de comunicarse co público pero que non interferiu no nacemento do grupo. “ Ladilla Rusa funcionou pola mesma mirada que temos os dous do mundo e do humor, pola amizade e as vivencias que compartimos”, indican Tania e Víctor.

Hai tan só dúas semanas o grupo pop publicaba desde a súa conta de Twitter a pregunta “a ver, entón, Para presentarse ao de Eurovisión onde é?” que conseguiu gran repercusión na rede social facéndoos trending topic durante a tarde do 23 de xullo e a ilusión dos fans de ver ao grupo representando a España no concurso. “Colgueino sen dicirlle nada a Tania e  flipei. En dez minutos había moitísimos  retweets”, confesa Víctor. “Fíxose súper viral, empezáronnos a facer artigos. Mesmo hai detractores sen presentarnos a ningún sitio!”, comenta o dúo catalán. Pero, irá nun futuro  Ladilla Rusa a Eurovisión? “Hai que mirar as condicións, pero estamos máis no si que no non. Faríanos graza”. 

REVISTA ABRIL

O traballo e enerxía que require o seu espectáculo lévanos a preguntarnos se nun futuro Ladilla Rusa seguirá funcionando sobre un escenario coa mesma potencia e vitalidade de hoxe en día, cuestión que eles mesmos se preguntan a diario. “Dentro duns anos teremos sobre 43. Non sabemos se nos vemos cantando por toda España coa mesma forza, se cadra baixamos o ritmo dos concertos pero mantemos a continuidade do grupo. Ladilla Rusa é un proxecto que nos brindou a oportunidade de coñecer a moita xente e está a ser marabilloso, aínda hai mecha para longo. Somos persoas moi creativas, nunca se sabe, igual máis adiante facemos unha curtametraxe ou unha película”.

Tras o seu álbum debut de 2018 ‘Estado de malestar’ e a publicación de varios sinxelos durante os últimos anos, como ‘A un Metro y Medio de Ti‘ que relata un flechazo durante a pandemia, o dúo está a prepararse para lanzar un novo disco con  ocurrentes temas entre os que destacará algunha canción en catalán, a súa lingua materna.

A finais de agosto poderemos gozar do grupo no Barberira  Season Fest acompañado doutros artistas como Baiuca, Viva Suecia ou Confeti de odio. As entradas para este festival en Baiona atópanse dispoñibles desde a páxina de Ataquilla.