La Vela, terraza pioneira do verán vigués
A terraza por antonomasia do verán vigués é La Vela, un posto sobre a praia dos Olmos que abriu as portas por vez primeira en 1981 baixo outro nome. Marisa Prado, cuxo avó rexentaba o hotel El Bosque Patouro, en Samil, decidiu continuar coa tradición hostaleira abrindo neste terreo familiar un establecemento no que dar comidas e bebidas nos días estivais.

Ademais da profesión, pode que Marisa tamén herdase do seu avó, que foi o primeiro en abrir na zona un local hoteleiro, o bo ollo para os negocios. Corenta e cinco anos despois da apertura, son numerosos os establecementos que o rodean e que enchen as zonas que dan ao mar.
Ao longo de todo este tempo, Marisa afanouse en ir mudando a estética do local. Na actualidade, La Vela ofrece terrazas en dúas alturas, un espazo pechado que permite gozar do posto os días fríos e unha khaima. Mentres ollamos de fronte como o sol se esconde tras das Cíes, podemos degustar algún dos petiscos que elaboran de forma caseira na propia cociña do establecemento. A carta está composta por hamburguesas, tostas e diferentes opcións para picar, como o hummus de pemento, as patacas de tomiño e parmesano ou as croquetas de faceira. Ademais, este verán ofrecen a posibilidade de alongar a sobremesa saboreando un delicioso cóctel preparado no momento con froita natural.

Neste negocio familiar apostaron desde o inicio por encher de actividade cultural os seráns estivais. Cándido Pazó, Luis Zahera e Avelino González son algúns dos cómicos que pasaron por este local, que tamén programa música ao vivo e organiza festas temáticas.
Outra das posibilidades que ofrece esta terraza de Alcabre é a de acoller eventos privados e personalizados. O establecemento ofrécese na súa totalidade ou algún dos espazos, en función do número de asistentes, e Marisa e o seu equipo encárganse da decoración e da comida, que pode consistir nun menú desenfadado ou en pratos máis elaborados como as voandeiras, o crocante de lagostino ou a empanada de pescada con grelos.

Avenida de Samil, 18 | @terrazalavela



